1500 convivium
en todo o mundo
Home » » Biocultura A Coruña 2018

Biocultura A Coruña 2018

Máis de 14.000 persoas pasaron pola feira de Biocultura A Coruña no fin de semana do 2 ao 4 de marzo. Pois polo noso stand deberon pasar polo menos 13.000. Bueno, ó mellor non tantas, pero unha morea delas si. 


Biocultura é unha feira especializada en produtos ecolóxicos, unha das máis importantes de Europa, que se celebra dende fai máis de 33 anos en España. De carácter anual en Madrid e Barcelona, e bianual en Sevilla, Valencia e Bilbao, desembarcou por primeira vez este ano na Coruña, e pola boa acollida, contamos que sexa para quedar. 

O evento comezou o venres, bueno, para o ollo inexperto, o venres, pero para nós, comezara dende facía polo menos dúas semanas, entre papeleos, permisos, preparación de material, e montaxe do stand. Pero o caso é que o venres abriron a porta dos leóns, e, para a nosa sorpresa, houbo afluencia de público dende primeira hora da mañá. 

Como estamos en familia, vou contar que non as tiñamos de todo connosco cando decidimos inscribirnos á feira. Logo das negociacións coa propia organización, acordamos levar soamente material impreso dos nosos asociados en ecolóxico, así coma información xeral dos nosos proxectos; pero para a nosa sorpresa, a pesares de non ter nada á venda, e ter que competir con stands moito máis grandes e vistosos que o noso, a acollida do público foi inmellorable. 


Achegóusenos moita xente; moita dela xa nos coñecía das redes sociais, ben fora o noso convivium en particular, ou o movemento Slow Food en xeral;  outra tanta tiña interese por saber da nosa liña de traballo, ou por saber as condicións para asociarse a nós. Así que aproveitamos para presumir de tódolos nosos socios e dar toda a información posible dos seus puntos de venda, así coma dos restaurantes asociados a nosa rede Km 0. 


E para obrigarnos a saír do stand, aproveitamos a oportunidade que se nos brindou dende a organización para formar parte da programación cultural ao impartir unha charla, o domingo, sobre a filosofía Slow Food e o noso traballo a través do convivium e coma non, dos nosos asociados.



Eso si, ao rematar a xornada, mentiríamos se non vos dixeramos que debecíamos por recoller e chegar á casiña. Que inda que proveitosas, foron moitas horas. 
Así que ata a próxima, xa sabedes: todo o que precisas é Slow.



SHARE

About Leonor Lorenzo

0 comentarios :

Publicar un comentario