1500 convivium
en todo o mundo
Home » » DOP Pemento de Herbón

DOP Pemento de Herbón

Recentemente uneuse a Slow Food a DOP do Pemento de Herbón. Dende aquí, queremos darlles a benvida e contarvos un pouco sobre a orixe desta pranta e sobre a súa comercialización.




AS ORIXES

O inicio do cultivo do pemento en Galicia asóciase ás sementes traídas desde o estado mexicano de Tabasco polos monxes Franciscanos ao convento de Herbón, localidade pertencente ao municipio de Padrón, no Século XVII.


O pemento seco e moído xa se comercializaba en Herbón a finais do século XVIII, constituíndo unha importante fonte de ingresos, (Arquivo Xeral de Simancas. Catastro da Ensenada. Respostas Xerais. Provincia de Santiago. Libro 253, folio 1). O proceso de selección varietal e as prácticas culturais de recolección precoz comezan entón, transmitíndose desde a comunidade monacal aos agricultores da súa área de influencia, conformando un sistema de produción altamente especializado, no que a semente era transmitida como ben parafernal (formando parte da dote) e nunca fóra da zona de produción.


ZONA DE PRODUCIÓN

O ámbito xeográfico da zona de produción amparada pola D.O.P. "Pemento de Herbón" coincide coa de acondicionamento e envasado, estando constituída polos seguintes municipios: Padrón, Dodro e Rois, pertencentes á comarca de O Sar, situada ao sur da provincia da Coruña, e Pontecesures e Valga, da comarca de Caldas, situada ao norte da provincia de Pontevedra.

Esta área da vertente atlántica de Galicia, está constituída por un conxunto de vales con reducida altitude, delimitados polos ríos Ulla e Sar e protexidos por varias serras e a península do Barbanza, que illan a zona e proporcionan unhas condicións edafoclimáticas, moi adecuadas para este cultivo.

O nome da denominación, "Herbón", é o topónimo da parroquia do concello de Padrón na que se sitúa o convento de San Antonio de Herbón, ao que se vincula a introdución deste pemento procedente de América. Máis do 90% dos produtores pertencen a esta parroquia padronesa.

Por outra banda, as prácticas ancestrais dos agricultores locais, mantendo e seleccionando as mellores plantas, á vez que adaptando as técnicas de produción ás condicións do territorio, deron como resultado un produto extraordinariamente ligado ao medio e cunhas excelentes calidades culinarias. Resulta especialmente importante engadir tamén que este traballo de preservación e selección varietal continua traduciuse na utilización de semente de propagación propia, procedente unicamente de agricultores da zona delimitada, cunha ausencia xeneralizada do emprego da variedade comercial "Padrón", que foi estendida a outros ámbitos xeográficos. Esta especial selección, tanto do material de propagación como a selección dos froitos con carácter posterior á colleita achegan ao pemento DOP "Pemento de Herbón" a súa especial calidade e carácter diferenciable.

É moi interesante anotar que co "Pemento de Herbón" ocorreu un fenómeno moi similar ao dalgunhas variedades de uva: sendo orixinaria da zona de produción, a inscrición da variedade comercial "Padrón" fixo que o seu cultivo se estendese a outras áreas xeográficas moi distantes, pero sen que se mantiveron as especiais características organolépticas dos pementos producidos na área de orixe, de modo que os "Pementos de Herbón" continúan sendo moi demandados no mercado.




COMERCIALIZACIÓN

A comercialización realízase en bolsas de uso alimentario autorizadas pola lexislación alimentaria vixente cun peso de 200/400 gramos. Os pementos comercializados baixo o amparo da Denominación de Orixe Protexida "Pemento de Herbón", levan a etiqueta comercial correspondente á marca propia de cada productor/envasador e unha etiqueta de codificación alfanumérica con numeración correlativa, autorizada polo órgano de control, co logotipo da Denominación de Orixen Protexida.


Na etiqueta comercial debe figurar obrigatoriamente a mención Denominación de Orixe Protexida "Pemento de Herbón". Así como a variedade da pranta "variedade Padrón". Actualmente figuran inscritas no Consello Regulador sete plantas de envasado.

O período de comercialización está comprendido entre o 1 de maio e o 31 de outubro, podendo modificarse este período por razón das circunstancias climáticas da tempada e as características do produto se así o aconsellan.

Pódense identificar os auténticos Pementos de Herbon comercializados baixo o amparo da Denomicación de Orixe Protexida Pemento de Herbón polos seguintes distintivos obrigatorios dos envases:

- Unha contraetiqueta de codificación alfanumérica con numeración correlativa, autorizada polo órgano de control, co logotipo da Denominación de Orixe Protexida.

- Debe figurar nunha zona visible o Logotipo Oficinal da D.O.P. Pemento de Herbón.

- Na identificación comercial debe figurar obrigatoriamente a mención Denominación de Orixe Protexida "Pemento de Herbón" e a “Variedade Padrón".


Actualmente figuran inscritas no Consello Regulador oito plantas de envasado:

RAZÓN SOCIAL
TELÉFONO
E-MAIL
MARCA COMERCIAL
Antonio Freire Dios
981 81 25 07
Delicias Padronesas
Benito Conde López
981 81 01 13
Herbón Legumbres y Hortalizas
José Manuel Ferro Lago
981 81 16 96
Pementos Carmucha
Josefa Pilar Magariños Diéguez
981 81 22 68
Pementos Pili
María del Pilar Gómez Méndez
981 81 01 27
Pementos Evangelina & Gómez
SAT A Pementeira nº 1345 XUGA
981 81 13 18
A Pementeira
Teresa García Boga
619 53 80 40
A Peregrina
Yolanda Magariños González
679 37 77 67
Pementos Rosalía



FESTA DO PEMENTO DE HERBÓN

O primeiro sábado de agosto celébrase na carballeira do Convento de San Antonio de Herbón a Festa do Pemento de Herbón, declarada de interese turístico na provincia da Coruña.

Neste evento, a Orde do Pemento de Herbón, concede os títulos de Cabaleiros e Damas a produtores e persoeiros que difunden e promoven o “Pemento de Herbón”.



SHARE

About Leonor Lorenzo

0 comentarios :

Publicar un comentario