1500 convivium
en todo o mundo

Porco Celta

Referencias históricas

Aínda que as versións segundo o historiador consultado poden variar, a maioría establecen tres troncos prehistóricos na orixe do porco doméstico:

• Sus scrofa (Xabaríl europeo)

• Sus mediterraneus (Xabaríl mediterráneo)

• Sus vittatus (Porco asiático)

Pénsase que os porcos chegaron á Península Ibérica, probablemente, no Neolítico con dúas variedades principais: o tronco ibérico e o céltico. O primeiro procedería do cruce do Sus Scrofa Ferus co Sus Mediterraneus. E o tronco céltico procedería do cruce do Sus Scrofa Ferus co Subxénero Striatosus. Este tronco céltico aparece fundamentalmente polo norte e noroeste de España, dando lugar a distintas razas como o porco chato de Vitoria, o Grupo Pirenaico de Aragón, o Vich Catalán, o Molinés de Guadalaxara, o Lermeño de Burgos, o Alistano de Zamora, a Galega ou Celta, e outras tamén por Centroeuropa e Portugal.

O conxunto racial porcino descrito por Sanson como raza Celta (Sus Celticus) coñecida en España como Celta, é a única raza porcina autóctona de Galicia e responde ao morfotipo de sistema óseo e muscular moi desenvolvido, de membros alongados, cabeza grande e forte, e tronco moi longo pero aplanado lateralmente co dorso en carpa e a cruz dos cadrís caída.

A raza Porco Celta era a máis importante en Galicia ata comezos deste século, sufrindo a partir de entón unha continua redución censual ocasionada pola importación de razas foráneas con maiores índices de produtividade e polo cruzamento con estas. Así no ano 1951 tan só un 14% do total era de raza Porco Celta para chegar posteriormente a case a total desaparición no territorio nacional. Na actualidade, está incluída no Catálogo Oficial de Razas de Gando de España, como raza autóctona española (RD 45/2019, de 8 de febrero, por el que se establecen las normas zootécnicas aplicables a los animales reproductores de raza pura, porcinos reproductores híbridos y su material reproductivo, se actualiza el Programa nacional de conservación, mejora y fomento de las razas ganaderas), sen embargo, aínda se atopa en situación de risco de desaparición polo que se segue a traballar na súa recuperación e conservación.

Coa iniciativa da Administración pública e a posterior fundación da Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (ASOPORCEL), no ano 1999, conseguiuse deter e investir o proceso de extinción mediante a creación de núcleos xenéticos estables e a recuperación dunha incipiente cabana privada.

A asociación foi recoñecida como entidade xestora do Libro Xenealóxico da raza Porco Celta no Decreto 149/2011, de 7 de xullo, polo que se establece o Catálogo oficial de razas gandeiras autóctonas de Galicia, se regula o recoñecemento oficial das asociacións de criadores de razas autóctonas de Galicia que creen ou xestionen libros xenealóxicos e se aproban os programas para a súa conservación, mellora e fomento. (DOG. Nº 141, 22 de xullo de 2011). Continúa traballando no programa de recuperación e conservación da raza a día de hoxe cos obxectivos principais de aumentar os censos de exemplares e dirixir os cruzamentos para preservar a raza nas súas mellores condicións de pureza e variabilidade xenética, de xeito que permaneza no patrimonio legado ás xeracións futuras.


Características raciais

O aspecto xeral dos exemplares da raza Porco Celta, e en particular o desenvolvemento do seu esqueleto e a lonxitude dos seus membros, demostran as súas aptitudes para a marcha na procura de alimento. Desde tempos inmemoriais, en Galicia, os Porcos Celtas campaban pastoreando nos extensos e ricos bosques autóctonos galegos, aproveitando os recursos naturais estacionais como landras, castañas e brotes vexetais.

Son animais de envergadura importante e sen embargo de movementos áxiles, cun característico abaneo ó andar. Destacan as enormes orellas colgantes que lles tapan a cara, a lonxitude das extremidades e o maior desenvolvemento do terzo anterior con respecto ao posterior, o que da lugar os xamóns característicos en forma de violín.

Caracterízanse pola súa rusticidade, o que os fai moi resistentes ás enfermidades e tolerantes coas condicións climatolóxicas galegas.

Dentro da raza Porco Celta diferéncianse tres variedades segundo a cor da capa, pero con iguais características morfolóxicas:

VARIEDADE SANTIAGUESA: é de capa branca, coa pel de cor rosada e cuberta de abundantes sedas, longas e fortes. No comezo das labores de recuperación, esta variedade estendíase dende a comarca de Santiago cara ao sur de Galicia ata a fronteira con Portugal. Hoxe en día pódese atopar en calquera das granxas de todo o territorio galego.

VARIEDADE BARCINA: pintada con lunares da cor da lousa.

VARIEDADE CARBALLINA: coa capa pintada manchas de cor negra brillante que, en ocasións, chega a cubrir case todo o corpo. Tamén existen exemplares con manchas de cor cobreado. Cando se iniciaron as tarefas de recuperación, era a variedade que se situaba na comarca de Carballo e arredores. Hoxe xa está estendida tamén por toda Galicia.


Modelo produtivo

O sistema de produción que se emprega coa raza Porco Celta, está baseado no réxime extensivo. Os porcos permanecen ao aire libre aproveitando a dente os recursos que achega a leira onde se atopan. Se ben precisan unha ración básica formada por mesturas de cereais e balanceada segundo idades e estadios produtivos, na súa dieta abundan os brotes vexetais, castañas, landras de carballo, raíces e tubérculos, froitas e outros produtos da horta. É tamén moi habitual velos pacendo a herba verde das parcelas.

As especiais características de rusticidade desta raza porcina autóctona, que implica unha perfecta adaptación ás particulares condicións orográficas e climáticas dos bosques autóctonos galegos, fan deste gando un modelo de aproveitamento dos terreos en réxime extensivo e mediante pastoreo.

As instalacións precisas nestas granxas extensivas de Porco Celta son moi básicas e con pouco impacto medioambiental, enfocadas fundamentalmente a garantir as necesidades básicas dos animais en canto a acceso a auga limpa de bebida, refuxio e alimento, e sempre dentro dunha parcela perfectamente delimitada cun peche perimétrico completo e suficiente para reducir ao máximo os riscos sanitarios derivados do contacto coa fauna silvestre.

Sen dúbida, tanto o continuo camiñar como a alimentación vexetal natural, repercuten directamente na calidade excepcional que caracteriza a carne e produtos derivados procedentes dos exemplares de Porco Celta. Pero os beneficios deste modelo produtivo non rematan aquí. Este sistema de explotación, ademais, permite manter baixo control a biomasa vexetal dos montes e bosques, contribuíndo á prevención dos lumes forestais e á conservación da contorna paisaxística.

Nas últimas décadas o despoboamento rural, coa consecuente falta de man de obra e abandono das terras, xunto coa intensificación dos sistemas produtivos en busca de maiores rendementos das explotacións, fixeron que en Galicia se extinguise case totalmente o costume do pastoreo porcino. Así, os traballos de recuperación e conservación da raza Porco Celta, tamén están fomentando a recuperación deste sistema tradicional galego de cría porcina no exterior.


Repercusións sociais e económicas

O esforzo na preservación desta raza porcina galega como herdanza xenética e de tradición, tenta tamén convertela nunha produción sostible e rendible baseada na calidade diferenciada da carne e produtos derivados resultantes.

Nun primeiro momento, a recuperación da raza estivo condicionada á existencia dalgúns redutos nos que se mantiña esta actividade gandeira, e a propia raza sen contaminacións externas, como economía de autoconsumo e subsistencia, e dos que se rescataron os primeiros exemplares para crear o rabaño que deu lugar o rexistro fundacional do libro xenealóxico.

Na actualidade, o perfil do criador de Porco Celta é o dunha persoa que non se dedica a esta gandería como actividade principal, senón como complemento a outra ocupación laboral e como alternativa para o aproveitamento e limpeza das parcelas non traballadas ou infrautilizadas.

Sen embargo, está a xogar un papel protagonista no mantemento de poboación nas zonas rurais, sobre todo nas máis desfavorecidas, como motor económico e de diversificación, dada a boa saída comercial desta produción.

Hoxe en día esta raza está a gozar dun proceso de recuperación no censo fundamentalmente porque se converteu nunha explotación agrogandeira rendible e con posibilidades de futuro, que a fai atractiva para moitos gandeiros e emprendedores. Pero tamén está a recuperar o aprecio popular, consecuencia da enorme labor de divulgación e promoción que a ampara e do respaldo que lle concede a extraordinaria calidade da súa carne.

As características organolépticas e nutritivas da carne de Porco Celta apórtanlle valor comercial. Son carnes zumarentas, vermellas e tenras, con boa infiltración graxa e rica en ac. graxos insaturados, ferro, vitaminas e minerais. Características apreciadas no mercado, xunto co xeito de produción respectuosa co medio natural e co benestar animal.

A carne e produtos derivados desta raza saen ao mercado baixo o selo de calidade 100% Raza Autóctona Porco Celta.

Produtores asociados a Slow Food: 
Tres Fuciños S.C.G. (Castro de Carballedo)

Elaboradores asociados a Slow Food:
Pata Celta (A Coruña)

Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta 


SHARE

About Leo

0 comentarios :

Publicar un comentario