O pasado día 5 de Xuño tivemos o pracer de ser convidadas pola asociación “Mujeres en Igualdad” de Pontevedra para falar do papel da muller no eido da agricultura familiar.
Dentro do plan de acción que a FAO desenvolveu para monitorizar a agricultura familiar, establecéronse sete pilares que comprenden indicadores ambientais, políticos e sociais:
1. Crear un entorno político propicio para fortalecer a agricultura familiar.
2. Apoiar aos xóvenes e asegurar a sustentabilidade xeneracional da agricultura familiar.
3. Promover a equidade de xénero na agricultura familiar e o papel de liderado das mulleres sen espazo.
4. Fortalecer as organizacións dos agricultores familiares e a súa capacidade para xerar coñecemento, representar aos seus membros e prestar servizos inclusivos no continuo urbano-rural.
5. Mellorar a inclusión socioeconómica, a resiliencia e o benestar dos agricultores familiares e os fogares e comunidades rurais.
6. Promover a sustentabilidade da agricultura familiar para conseguir sistemas alimentarios resilientes ao cambio climático.
7. Fortalecer a multidimensionalidade da agricultura familiar para lograr innovacións sociais que contribúan ao desenvolvemento territorial e a sistemas alimentarios que salvagarden a biodiversidade, o medio ambiente e a cultura.
E como podemos ver é precisamente o terceiro punto no que se pon o foco de atención sobre a importancia de apoiar o papel das mulleres no eido rural. A realidade é que máis dun 60% da man de obra campesiña é feminina pero soamente un 15% das terras de cultivo está nas súas mans. Esta situación, unida ás condicións sociopolíticas de moitos países, sitúan á muller nunha posición de desvantaxe onde en moitos casos non ten posibilidade de chegar á formación, á xestión financeira do rendemento do seu traballo ou, no peor dos casos, está exposta á violencia.
Por todo isto, a FAO desenvolve no seu plan de acción cinco puntos específicos para o apoio da muller dentro da agricultura familiar para respaldar:
1. Participación mellorada e activa da muller rural na agricultura familiar e na economía rural.
2. Ampliación do acceso das mulleres dedicadas á agricultura familiar aos recursos naturais, ós bens produtivos, á información, ás infraestruturas, ós servizos financeiros e ós mercados.
3. Aumento da capacidade das agricultoras e as súas organizacións en competencias técnicas, de promoción e de liderazgo que potencien a súa participación dentro das súas organizacións e nos procesos de formulación de políticas.
4. Reducir todo tipo de violencia contra as mulleres e as nenas na agricultura familiar e nas zonas rurais.
5. Mellora dos coñecementos sobre experiencias de mulleres que conseguiron un cambio positivo político, social, económico e cultural cara á igualdade de xénero.
De todo isto, e dos procesos de sustentabilidade, falamos na nosa intervención.
0 comentarios :
Publicar un comentario