1500 convivium
en todo o mundo
Home » » CEIP Vicente Otero Valcárcel

CEIP Vicente Otero Valcárcel

Adrián Viñas Nión, naceu en Elviña (A Coruña) en 1978. Fillo de pai uruguaio e nai galega, inculcáronlle a multi cultura gastronómica dese país (receptor de multitude de emigrantes nos anos 50, españois, italianos e resto de Europa). Obtivo o Título de Técnico Especialista de Hostalería no I.E.S. Fragas do Eume no ano 2001. En 2010 sacou o título de Técnico superior en Restauración, no I.E.S. Paseo das Pontes da Coruña.


No ano 2001 comezou a traballar como pinche para o SERGAS, no antigo Hospital Juan Canalejo e no Hospital Marítimo de Oza. Foi aí onde descubreu a importancia dunha alimentación rica e saudable para a recuperación dos pacientes, o trato escrupuloso dos alimentos, utensilios, etc... para persoas inmunodeficientes,  transplantados, persoas de risco…

No ano 2004 arrinca a súa traxectoria no C.E.I.P. Vicente Otero Valcarcel de Carral (A Coruña). Nesa época, o servizo de comedor era un servizo secundario no que se lle daba de comer aos alumnos aos que os seus pais, por distintos motivos, non podían facelo. A cociña non estaba equipada, os menús eran semanais (o mesmo tódalas semanas) e empregábanse maiormente alimentos non perecedoiros ou conxelados (xa que eran moitos comensais e pouca infraestrutura) chegando a  dobrar e triplicar quendas. A formación era escasa e case sempre por conta allea. A pesar de todo, sempre se aprovisionaron de produtores da comarca.


Aos poucos, e con gran esforzo, foron evolucionando cara a unha alimentación variada e un pouco máis equilibrada, introducindo máis verduras e peixes frescos, carnes de proximidade, eliminando alimentos procesados, reducindo  frituras... Ao cabo duns anos, conseguiron modernizar as instalacións de cociña e comedor,  introduciron os menús mensuais sen repetición de primeiros nin segundos pratos (excepto os de legumes), comezaron a aumentar o consumo de produto fresco e local reducindo a almacenaxe de mercadorías. Todo isto supoñía un duro esforzo dos traballadores.

Unha vez focalizada a traxectoria da súa filosofía de servizo, e tras o nacemento das súas fillas, aumentaron os seus esforzos para dar de comer aos alumnos tratándoos como a un fillo ou filla propio. Foi entón cando comezaron a cociñar como as avoas de antes: rico, san, natural, de aquí á beira e regalándolle horas gratis á Xunta.


Por mor da crise do 2008 e observar as carencias alimentarias que moitos nenos e nenas sufrían, decidiron ofrecer froita variada a todos os alumnos no recreo, xa que se percibían neno/as con moitas dificultades económicas. De súpeto, grazas á globalización e á evolución social, apareceron distintos movementos cos que coincidían: ecolóxico, temporalidade, reciclaxe, proximidade,  Km 0...

Durante todo ese tempo, continuou formándose con cursos de dieta galega, dieta mediterránea, elaboración de menús equilibrados, catador,  xefe de rango, control de puntos críticos. Tamén dedicaron o seu tempo para realizar talleres cos alumnos, elaboración de menús, talleres de sushi, realizaron charlas coas distintas denominacións de orixe galegas (mel de Galicia, queixo de Arzua…), talleres de alimentación equilibrada, a cociña e a ciencia…

Fai 3 anos, os comedores escolares da comarca, grazas á iniciativa de Bea Caracola, varios compañeiros de cociña, dirección e produtores, volcáronse no proxecto rebentando o “xeito de traballar” da Xunta e avanzando un 200% na súa traxectoria grazas á comunicación directa. Tras este impás, volverán con máis forza para non romper o proceso de  culturización gastronómica que estaban a levar a cabo os neno/as. 
  
Un agradecemento especial a Senén e Pablo, responsables do comedor Km 0 "Zara Loxística 360º " pola súa colaboración e patróns a seguir. . Tamén agradecer á dirección do CEIP Vicente Otero Valcárcel polo apoio e por permitir avanzar neste senso, así como á concexalía de educación do Concello de Carral por mostrarse interesado no proxecto desenvolvido polo centro.

A maiores tenta completar o servizo de comedor coa conta de Instagram: comedor_ colexio_ carral, onde os pais e nais poden consultar os menús elaborados diariamente, os produtos empregados e o resultado final.

Sempre se involucran co alumnado gozando das distintas festas ou festexos ao longo do curso: magosto, samaín, nadal, entroido, maios, chocolatadas, despedidas de fin de curso e ata aniversarios! 




SHARE

About Leo

0 comentarios :

Publicar un comentario