1500 convivium
en todo o mundo
Home » » San Xoán e a súa Gastronomía

San Xoán e a súa Gastronomía

San Xoán é unha festividade de orixe pagá vinculada á celebración do solsticio de verán. Este é o momento do ano no que gozaremos do día máis longo, e por tanto da noite máis curta. A partir deste intre, a intensidade do sol empeza a decrecer e a escuridade vai aumentando. É por iso que os nosos devanceiros acendían as fogueiras, xa que tiñan o obxectivo de axudar ao sol e prolongar a súa luz no ceo.


A relación de San Xoán coa comida non é tan antiga como a súa orixe, pero desde fai uns cantos anos os participantes desta festa decidiron que unha boa cea era case obrigatoria para manterse toda a noite saltando as fogueiras. En Galicia temos mesmo unha gastronomía típica para esta data, na que predominan as sardiñadas, o churrasco, os cachelos, os chourizos, os criollos á brasa, o pulpo, a empanada, os pementos de Padrón... pero tamén outras especialidades máis locais como as roscas de viño tinto de Poio, a tortilla de longueiróns en Sardiñeiro ou a “mexilloada” de Serres, en Muros. 


E por suposto, como bebidas estrela non poden faltar o viño galego e a queimada, un dos moitos rituais que teñen que ver co lume, unha tradición que se debate entre o pagán e o misterioso. Pódese facer en calquera momento do ano aínda que hai datas nas que a maxia flúe de forma diferente. Pénsase que a orixe desta tradición se remonta aos séculos XI ou XII, coincidindo coa construción da Catedral de Santiago. Aínda que se descoñece a procedencia exacta deste costume, o que si se sabe é que é milenaria e algúns a relacionan coas ancestrais culturas castrexas e a herdanza cultural dos celtas.

Fonte: Pozo para Sibaritas


SHARE

About Leo

0 comentarios :

Publicar un comentario