A Horta de Casa de Baixo

Jefferson Pinilla Patarroyo, emigrante de Colombia, veu a Galicia co interese de asentarse e conformar unha familia cunha galega. Ao chegar a Lugo e ter a oportunidade de estudar, cursou un FP de eficiencia enerxética e, con coñecementos previos e experiencia en agroecoloxía obtida en Colombia, veu a oportunidade de que a súa muller fixera realidade un soño: ter unha casa de turismo rural.

Centráronse neste proxecto de vida co obxectivo de convertila nunha casa autosuficiente,tanto enerxeticamente como produtivamente, e combinar a potencia e os recursos que poderían aproveitar dunha maneira eficiente, limpa e natural, combinando o turismo rural coa granxa, establecendo unha economía circular cos modelos produtivos e que unha dependa da outra coa fin de pechar o ciclo e evitar ao mínimo os refugallos.

A Horta de Casa de Baixo é un proxecto integrador de economía circular onde tres proxectos interactúan nunha mesma finca onde se atopan unha casa rural con restaurante, un albergue, unha granxa con pitas, burros e cabras, e unha horta de 5.000 metros cadrados coa que completan  o ciclo do cultivo de hortalizas e frutais, coma o kiwi. 

Apóianse en mil metros de invernadoiro para as tempadas de outono, inverno e primavera  e empezan dende a recompilación e recuperación de sementes autóctonas, coa conseguinte xerminación, ata a súa venda on-line e, tamén, venda directa na súa plataforma. Teñen unhas cesta de tempada que o cliente pode ir a recoller el mesmo ou tamén teñen a opción de entrega a domicilio. Abonan co esterco que producen nunha pequena granxa que están creando con 500 pitas de Mos e 50 galos de Mos (que viven ceibes e felices) e burriñas fariñeiras. 


Evitan o desperdicio de alimentos mediante a venda en plataformas especializadas como Too Good Too Go e achegan o seu produto ao público a través de cestas cunha valor da terceira parte do que costa, así axudan a evitar o desperdicio de comida. Pero sobre todo, son un SUPERMERCADO VERDE E VIVO, no que os clientes poden seleccionar e colleitar directamente o produto que desexen. 

A pandemia fíxolles buscar sinerxias e cren que a impartición de cursos e obradoiros relacionados coa permeagricultura, ou sobre cultivos, poderían axudarlles a conseguir que este proxecto siga medrando.


DATOS DE CONTACTO:
Jefferson Pinilla
Castro Alfonsín 7, Santiago de Saa, 27188, Lugo
Teléfono: 692 80 11 92
E-mail: jeffersonpini@gmail.com 

Ningún comentario:

Publicar un comentario