Asociación de produtores

O perfil máis usual que se achega a nós, é o considerado “agricultor familiar”. Este tipo de explotacións sufriron un cambio moi rápido nos últimos anos. Aínda cando se poden herdar as terras e as técnicas agrarias, o produtor actual debe chegar a un nivel de profesionalización para o que en moitos casos non está preparado. Unha vez abandonado o sistema de produción de autoconsumo, o dono dunha explotación debe desenvolver tarefas agrícolas, administrativas, contables, publicitarias ou comerciais e incluso de reparto da súa mercadoría. Esta é unha carga de traballo enorme, para a que moitas veces non se conta con persoal suficiente, ou non se está cualificado. 

 

Precisamente, a nosa labor na asociación, está en acompañalo na súa labor comercial para facilitar a creación de canles curtas de comercialización. 

Dentro da nosa experiencia, as necesidades que detectamos no nosos asociados son as seguintes:

  •  Formación.  
O agricultor debe estar ao día de como poñer en valor o seu produto e diferencialo de entre outros presentes no mercado de igual aparencia pero con inferior prezo. É importante saber atopar o seu nicho de mercado, como comunicar as súas diferenzas, cal pode ser a linguaxe e as canles de comunicación. Todo isto, é parte da formación ou asesoramento que lles aportamos. 

  •  Asesoramento e axuda cos trámites administrativos
Trátase dunha das pezas máis importantes. A diario atopámonos con dúbidas sobre os rexistros que permiten a venda directa; os trámites para dar de alta un obrador e elaborar unha conserva; como etiquetar correctamente un produto envasado; ou que información temos que aportar cunha mercdoría a granel. Todo isto é unha peza fundamental para a supervivencia dos pequenos e na maioría dos casos, non poden chegar a esta información ou non teñen tempo para xestionar todos estes trámites. 
Dende a asociación, teñen á súa disposición unha responsable de seguridade alimentaria que pode atender, sen custo para eles, este tipo de dúbidas pequenas, ou acceder a unha intervención máis complexa cunha redución de prezo. 

  •  Visibilidade ante o consumidor final.
Outras das pezas máis importantes da nosa labor é a parte comunicativa. Dende a nosa páxina web, pódese atopar un listado de socios, clasificados en función da actividade, do seu tipo de produción, cales teñen venda directa ou como contactalos.
A maiores, dende as nosas redes sociais poñemos de manifesto cal é a nosa actividade e as novidades dos nosos socios. Para moitos, esta é a única achega ao público xeral xa que algúns deles non contan con páxina web ou redes propias, polo que formamos unha canle directa co consumidor final ou co intermediario que poida estar interesado nalgún dos seus produtos ou servizos.

  •  Creación de sinerxías.
Dado que contamos cunha rede propia de comedores escolares e restaurantes que buscan abastecerse de xeito directo, unha das nosas grandes bazas é a de xerar sinerxías entre os axentes. Non se trata de funcionar como un intermediario ou comercial, senón de funcionar como un xestor de base de datos que poida proporcionar unha solución a unha necesidade. Trátase de conectar as demandas coas ofertas máis próximas. En moitos caso, este tipo de relación provedor-cliente chega a ser tan frutífera que máis aló da fidelización chégase á plantación ou cría a medida. 

  •  Axuda co APPCC do transporte.
Pero unha das derradeiras pezas que debemos tratar, é a de asegurarnos que todo este proceso faise cumprindo con todas as normativas referidas ao transporte e conservación de alimentos. En moitos casos, este é un dos escollos máis complicados aos que nos temos que enfrontar en Galicia. Debido á nosa dispersión poboacional, atopar unha solución loxística que garante a trazabilidade en frío e que cumpra con todos os requisitos de envase e almacenaxe, pode ser bastante complicado. É por iso, que dende a asociación axudamos formando a todos os actores implicados e buscamos provedores de servizos, como transporte adaptado ou envasadores, que non poidan garantir a máxima seguridade alimentaria.  


Todo este traballo ven pensado para xerar canles curtas de comercialización que contribúan a conservar a nosa biodiversidade, reduzan a pegada de carbono asociada ao transporte e sobre todo, que valoricen o traballo dos produtores. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario