A Veiga do Espiño

A finca da Veiga do Espiño, é unha explotación localizada en Cacheiras (📌Teo) adicada á producción de hortalizas e froiteiras dende o ano 2020 (están en conversión a ecolóxico dende fai 1 ano). A veiga foi cultivada de maneira tradicional, pero durante anos sufríu o abandono ata que chegou ás mans de Roberto Ron e decidíu darlle un xiro. Ilusionado con ver a terra viva de novo, promoveu a plantación de árbores froiteiras e a conversión das parcelas da propiedade cara a Agricultura Ecolóxica. O manexo dos cultivos e da terra faise seguindo estas técnicas, respectando os ciclos naturais, escollendo variedades resistentes e adaptadas, usando abonos orgánicos compostados de alta calidade e combatindo plagas e enfermidades con substancias biodegradables e naturais.

Seguindo esta filosofía de producir alimentos con sabor e de tempada, a orientación da produción é prioritariamente o abastecemento dos mercados de proximidade con produtos da máxima calidade, reducindo deste xeito a pegada ecolóxica no transporte. Nesta nova etapa, parte da produción comercialízase en mercados de proximidade e en comedores escolares da comarca de Compostela.

A finca caracterízase pola presencia de correntes e fontes de auga que manan nela e que fan que o terreo se manteña fresco e húmido durante todo o ano permitindo facer un uso sostible da auga. A parcela está cercada cun gran muro de pedra alto que permite o cultivo de cereais que medran protexidos no interior.

Detrás deste proxecto están Roberto e máis Lucía, os cales non son socios en termos estritos. Ela traballa aquí como asesora, de feito a súa función é a de deseñar os espazos de cultivo e almacenaxe e encargarse dos preparativos para que as plantas medren sas e produtivas, así coma a de conectar os produtos da horta cos consumidores dinamizando o produto nun mercado de proximidade. 

A parte disto, adícase á formación en horta ecolóxica e colabora no obrador de conservas, zumes e masas colectivo de Brión coa Asociación Daqui Darredor. Neste intre é a Vogal de Agroecoloxía de ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia) e compaxina todo a través das sinerxías entre as persoas e as súas paixóns que son a agricultura e a conciencia ambiental.


🍎 CAMPAÑA 2021-2022 🍏

Durante este primeiro ano, os froitos que agromaron destas terras frescas e produtivas foron:

  • Cabazas das variedades Cacahuete e Hokkaido.
  • Feixóns negros.
  • Millo Corvo.
  • Hortalizas de tempada: allo porro, remolacha, acelga vermella, repolo, col lombarda, brécol, chícharos, cebolas…
  • Amorodos.
  • Castañas.

Durante este ano estanse a realizar plantacións de cítricos e maceiras de mesa.


Roberto Ron: "Os recordos apílanse na miña mente. O tempo e a ilusión que emprego no traballo desta terra, é proporcional aos meus sentimentos. Doume conta de que a quero. Que ilusión me fai aferrarme a ela. Tras pasar toda a miña infancia conectado con ela, os anos de traballo e a lonxanía, fixéronme  despreocuparme da súa evolución. Vendo o deterioro e os berros de auxilio de tan bonita terra, coincidentes cun cambio de vida, permitiume que volvese e desexase retomar antigos recordos. Iniciamos un proxecto co único obxectivo de recuperala. O cambio que se observaba era coma unha chamada para continuar. Pedía que estivésemos aí. Da man de  Lucía Ferreira, José  Ramon, o meu fillo Roberto, a miña amiga Teresa, fomos construíndo un proxecto como de familia, para ofrecer a quen quixese o que esta leira nos permitía producir. Agora, con mais estabilidade, queremos e somos capaces de conseguir bo produto, totalmente natural e a un prezo alcanzable. Que máis podo pedir.

Mención especial á miña tía Josefa Ron, Pebida, que de neno foi a promotora da miña relación coa terra. Traballadora incansable no CHUS de Santiago, protectora da familia e quen lle daba a nosa “Veiga  do Espiño” o seu esplendor fai xa cincuenta anos.

Anhelo reencontrarme cos meus recordos tan queridos, o carro de herba seca, a sega, o estanque, as vacas, galiñas, porcos, patos, cultivos…".


DATOS DE CONTACTO:

A Veiga do Espiño

Lucía Ferreira Fernández

E-mail: luferfer1@hotmail.com 

Teléfono: 686 93 82 54


Ningún comentario:

Publicar un comentario