Miel ToxalRiba

Miel ToxalRiba nace en 2021 da man de Manuel Tejedo, un apaixonado da apicultura. Os cortíns sitúanse nunha zona privilexiada: a Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses, concretamente no concello de Navia de Suarna (Lugo). Esta contorna destaca pola súa rica diversidade de flora- silvas, carqueixa, castiñeiro, uz, entre moitas outras- das que as abellas recollen o pole para agasallarnos cun mel de gran calidade, froito do seu incansable traballo.


Nun primeiro intre, Manuel contaba con 14 colmeas, que foron medrando pouco a pouco ata acadar as 150 actuais. Elabora un mel artesán, cru e intenso, de cor escura, que evoca os sabores da infancia: ese mel natural que gozabamos de nenos e que volve agromar na memoria cada vez que o probamos.

Trátase dun proxecto familiar baseado na tradición, no saber e no esforzo transmitidos ao longo de varias xeracións; un proxecto “do noso”, no que o mel vai directamente da colmea ao consumidor final. Nel combínanse os coñecementos herdados coa apicultura moderna, respectando sempre todas as normativas sanitarias e os requisitos legais de protección medioambiental.

Un traballo feito con mimo, dedicación e tempo, co obxectivo de preservar a tradición, o medio natural e a contorna, é dicir, o manexo tradicional das abellas. É tamén un labor en equipo: Manuel encárgase da apicultura e da venda primaria do mel, mentres que a súa dona, Cristina, colabora nos procesos de extracción e envasado, ademais de asumir a parte administrativa e promover novas actividades e produtos vinculados ao mel.

Manuel co seu mel e Cristina, dando unha charla nun colexio de Navia

De cara ao futuro, queren que o seu traballo se coñeza de primeira man. Por iso, están a preparar actividades de divulgación apícola como rutas pola natureza e visitas apícolas sostibles con demostracións en directo. Na actualidade, tamén elaboran velas e xabóns de mel por encarga.


Mel ToxalRiba é un proxecto de resurximento vital, nacido da paixón pola apicultura, polo rural e polo noso. Un proxecto de trato próximo e persoal, no que detrás de cada bote de mel hai moitas horas de traballo, ilusión e compromiso, tanto de Manuel e de Cristina, como das súas abellas.

Contacto:


Freixeiro, Cabanela, 27850 Navia de Suarna (Lugo)

☏  647812404/ 610683709| ✉ mieltoxalriba@gmail.com

 


Ningún comentario:

Publicar un comentario