Miel ToxalRiba nace en 2021 da man de Manuel Tejedo, un apaixonado da apicultura. Os cortíns sitúanse nunha zona privilexiada: a Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses, concretamente no concello de Navia de Suarna (Lugo). Esta contorna destaca pola súa rica diversidade de flora- silvas, carqueixa, castiñeiro, uz, entre moitas outras- das que as abellas recollen o pole para agasallarnos cun mel de gran calidade, froito do seu incansable traballo.
Trátase dun proxecto familiar baseado na tradición, no saber e no esforzo transmitidos ao longo de varias xeracións; un proxecto “do noso”, no que o mel vai directamente da colmea ao consumidor final. Nel combínanse os coñecementos herdados coa apicultura moderna, respectando sempre todas as normativas sanitarias e os requisitos legais de protección medioambiental.
Un traballo feito con mimo, dedicación e tempo, co obxectivo de preservar a tradición, o medio natural e a contorna, é dicir, o manexo tradicional das abellas. É tamén un labor en equipo: Manuel encárgase da apicultura e da venda primaria do mel, mentres que a súa dona, Cristina, colabora nos procesos de extracción e envasado, ademais de asumir a parte administrativa e promover novas actividades e produtos vinculados ao mel.
![]() |
Manuel co seu mel e Cristina, dando unha charla nun colexio de Navia |
De cara ao futuro, queren que o seu traballo se coñeza de primeira man. Por iso, están a preparar actividades de divulgación apícola como rutas pola natureza e visitas apícolas sostibles con demostracións en directo. Na actualidade, tamén elaboran velas e xabóns de mel por encarga.
☏ 647812404/ 610683709| ✉ mieltoxalriba@gmail.com
0 comments :
Publicar un comentario