1500 convivium
en todo o mundo

Aceiroga

Falar de aceite de oliva en Galicia pode sorprender a quen aínda asocia este cultivo exclusivamente ao Mediterráneo. Porén, nas ribeiras do Sil e do Bibei existe desde hai séculos unha tradición oleícola que hoxe revive grazas a proxectos como Aceiroga, un aceite de oliva virxe extra 100% galego que aposta pola identidade, a calidade e o respecto polo territorio.

Aceiroga nace no val de Quiroga, ao sur da provincia de Lugo, un enclave cun microclima singular que permite o desenvolvemento dunha agricultura pouco habitual nestas latitudes. As oliveiras centenarias, combinadas con técnicas modernas de elaboración, dan lugar a un produto que conecta pasado e presente, tradición e innovación.


Un aceite con identidade galega

O AOVE Aceiroga elabórase fundamentalmente con variedades autóctonas como a brava e a mansa galega, ás que se suman outras como a arbequina ou a picual en menor proporción. Recentemente, suman á familia un AOVE feito exclusivamente con aceituna arbequina e outro recolectado de fincas seleccionadas e coidadas para obter o selo exolóxico (CRAEGA). A recollida manual e a extracción en frío permiten preservar os aromas e propiedades naturais dun aceite de perfil aromático intenso, con notas verdes e matices de améndoa.

A produción é limitada e está estreitamente ligada ao propio oliveiral, o que reforza o control sobre a materia prima e a trazabilidade do produto. Este modelo encaixa coa filosofía Slow Food: proximidade, coidado do proceso e valorización do produto local.


A tradición oleícola de Quiroga

A elaboración de aceite en Quiroga non é unha moda recente. Hai referencias históricas que sitúan o comercio de aceite na zona xa no século XV, unha herdanza que hoxe continúa a través de iniciativas artesanais como Aceiroga.

A elaboración realízase na almazara de Bendollo, onde se empregan sistemas modernos de moenda con mínima presenza de osíxeno e extracción en frío, mantendo intactas as propiedades naturais do aceite.


As persoas detrás do proxecto

Detrás de Aceiroga está o traballo e a visión de persoas comprometidas co rural galego, como o produtor Manuel Mondelo, considerado un dos pioneiros do cultivo da oliveira en Galicia a escala profesional. Desde Bendollo, Mondelo cultiva miles de oliveiras e aposta por demostrar que é posible producir aceite de alta calidade nun territorio tradicionalmente vinculado ao viño e á castaña.

Ademais, as fillas de Mondelo, decidiron tomar a remuda porque viron unha oportunidade que ía moito máis alá do aceite. Había a firme convicción de ter un produto excepcional, pero o sentimento de que aínda non se estaba amosando todo o seu valor. Así nace unha nova etapa na que tradición e modernidade se mesturan, e innovación e sustentabilidade camiñan da man.

Natalia Mondelo Cao

O proxecto desta familia vai máis alá da produción: busca recuperar terras, reivindicar o potencial agrícola das ribeiras do Sil e crear unha alternativa económica ligada ao territorio. A través dunha combinación de coñecemento tradicional e innovación técnica, Aceiroga convértese nun exemplo de como o rural galego pode reinventarse sen perder a súa esencia porque cren que preservar o legado recibido implica tamén facelo medrar para as xeracións futuras.


Un exemplo de territorio, cultura e futuro

Aceiroga representa unha forma de entender a alimentación baseada no respecto polo produto, pola paisaxe e polas persoas que a fan posible. Nun momento no que Galicia reivindica cada vez máis a súa diversidade agroalimentaria, iniciativas coma esta amosan que a innovación tamén pode nacer da memoria colectiva.

Para Slow Food Compostela, proxectos como Aceiroga son unha mostra de que a biodiversidade e a identidade gastronómica galega seguen vivas grazas ao esforzo de produtores que apostan por un modelo máis sostible, local e consciente.

Contacto

Bendollo, s/n, 27329, Lugo

☏   689 800 087 | ✉ info@aceiroga.com



SHARE

About Leo

0 comments :

Publicar un comentario