1500 convivium
en todo o mundo

Agalpi

En 2007 fúndase a asociación AGALPI (Asociación Galega para a Recuperación, Defensa, Produción e Promoción da Galiña Piñeira), co obxectivo de recuperar e promover a Galiña Piñeira, colaborando nos inicios coa fundación ACIVEGA para o recoñecemento desta raza coma autóctona, traballos que non chegaron a término no seu día. A asociación foi esmorecendo, quedando a Galiña Piñeira nos galiñeiros particulares dos criadores de sempre, verdadeiros protagonistas da súa conservación e da loita por evitar a súa extinción.

No 2019 despóis de anos de adormecemento da asociación, un grupo de criadores liderados por Daniel Fernández, retoman os traballos de recuperación da Galiña Piñeira, refundando AGALPI e poñendo os alicerces dunha nova etapa caracterizada polo traballo conxunto de criadores na procura de colaboración coa administración e a universidade, sempre a carón da Galiña Piñeira, raza recoñecida pola Federación Española de Avicultura, Colombicultura e Cunicultura de Raza (Fesaconcur) dende o ano 2021.

Actualmente (2023) os membros da directiva son: Maria del Carmen Fernández Barros (Presidenta), Diego Maroñas Amarelle (Vicepresidente), Ángeles Gestal López (Secretaria) e Óscar Miranda Gómez (Tesoureiro). Contan con aproximadamente 100 socios e socias repartid@s por toda Galicia.


HISTORIA DA GALIÑA PIÑEIRA

En Galicia, especialmente (aínda que non de forma exclusiva) na provincia da Coruña (aínda que non de forma exclusiva), recoñécese desde antigo un tipo de galiña chamada segundo o lugar coma Galiña da Casa, Galiña das Neves, Galiña do Monte ou Galiña Piñeira. A extensión de devandito nome é tan ampla, que na ficha técnica publicada na paxina web da Consellería de Medio Rural, no apartado da Galiña de Mos, deberon establecer unha referencia expresa na que indican que a Galiña de Mos non é a galiña Piñeira, xa que ao presentar a galiña de Mos unha crista que recorda a unha pinareta, gran parte da poboación rural tendía a denominala cos nomes citados.

O diformismo sexual característico da raza (machos e femias non se asemellan) e a súa crista característica a xeito de lingua ou roseta, aplanada, engádense ao contraste entre un peito claro e un dorso e cola máis escuro, tipo este que é recoñecido en calquera lugar de Galicia como o da “galiña da casa” ou “galiña do país”, dende Fisterra ata o interior (Comarca do Deza), e como tal, é posible atopala en testemuños gráficos antigos de calquera destas zonas.

Mergullando entre fotografías antigas, a galiña con esta distribución de cor e cresta aplanada que asemella unha lingua, está presente en toda a xeografía galega, desde Mondoñedo ata Cambre e desde Muxía ata San Cristovo de Cea.

Esta dispersión tan ampla, permitiu que o traballo de recuperación da raza, se vira beneficiado pola presencia de pequenos grupos illados deste tipo de galiñas en case calquera parte do país, e facilitou o labor de escoller os animais cuxa morfoloxía máis se aproximase ao patrón inicial.

Os primeiros exemplares foron recollidos polo veterinario Xesús García Rodríguez nos concellos de Arzúa e O Pino ala polo 1998 e o feito de que este último concello fose o primeiro en producir animais sumado á denominación común da galiña, reafírmanos en determinar como nome máis apropiado para a raza o de Galiña Piñeira.


Contacto:

Edificio Sociocultural Maria Mariño, Rua Padre Pardo nº 33, 1º Andar, 

15810 Arzúa ( A Coruña)

☏ 660 82 26 84| ✉ agalpi01@gmail.com

Web: agalpi.gal

Instagram: instagram.com/agalpi


SHARE

About Leo

0 comments :

Publicar un comentario