Son un grupo de labregos e labregas, amantes da natureza, que coidan da terra para producir alimentos sabrosos e sans, libres de pesticidas e nitratos. Todo isto, a un prezo xusto para o agricultor e o consumidor.
Viven e traballan no concello de Rairiz de Veiga, nunha pequena aldea de montaña do sur de Ourense, chamada Carballal. Este foi o único concello da Limia que se librou dos negativos efectos das concentracios parcelarias, grazas á loita ecoloxista. Aínda conserva, dese xeito, un valioso sistema agrario tradicional que resulta ideal para a agricultura ecolóxica.
Daiquí é un proxecto rural sustentable que naceu no ano 1996, da man de militantes do M.E.L (Movemento Ecoloxista da Limia), coa intención de demostrar que o sistema agrario tradicional galego é un patrimonio moi valioso. Dito sistema, ben potenciado, pode cumplir á perfeción as funcións que un país moderno agarda do seu medio rural: función produtiva, ecolóxica, paisaxística, recreativa, etc.
Obxectivos cos que nace Daiquí:
-Preservar o sistema agrario tradicional xunto coa paisaxe a el asociada.
-Frenar o abandono do campo, creando emprego.
-Revalorizar a profesión do labrego, acorde coa súa importancia dentro da sociedade.
-Conservar e potenciar a variedade de sementes autóctonas.
-Contribuir á preservación dos recursos naturais básicos: auga, terra e aire.
Como funciona Daiquí?
Son unha cooperativa de traballo formada por cinco socios. Céntranse en producir e comercializar toda clase de alimentos ecolóxicos.
Dispoñen dun almacén bioconstruido, onde realizan o seu traballo de preparación de pedidos, que entregan directamente a domicilio con transporte propio (Xinzo, Allariz, Ourense).
Aos clientes que teñen no resto de Galicia ou do resto do estado, envíanllo mediante transporte urxente ou refrixerado.
A pé do almacén, contan con leiras e invernadoiros onde producen verduras e hortalizas. Isto ten a vantaxe de que poden recoller a verdura no mesmo día que fan o voso pedido, e ademais contan coa colaboración doutros produtores ecolóxicos veciños seus: Casimiro (kiwi), Juan de Verín (horta), Óscar (aguacates e limóns de A Guarda), Xosé e Carlos (castañas e patacas principalmente), Perfecto, Aroa e Francisco (apicultura) e Manuel (horta).
Todos están inscritos e, polo tanto, sometidos ao control do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).
Á hora de preparar os pedidos, intentan minimizar ao máximo a produción de residuos, utilizando caixas de cartón e madeira, bolsas de papel ou plásticos biodegradables. Os residuos orgánicos producidos no almacén, aprovéitanse para alimentación de animais ou van parar directamente ás súas composteiras, onde, misturados con follas de carballo e outros restos vexetais dasúa horta, convírtense nun excelente abono orgánico. Mercan a granel, porque sae máis barato e se xeran moitos menos envases. Do mesmo xeito, reutilizan caixas, porque, ademáis de que supoñen un pequeño aforro, seguen firmemente a estratexia das tres erres: Reutilizar, Reducir e Reciclar.
0 comments :
Publicar un comentario