Camilo comezou coas cabras como unha alternativa para non ter que rozar cada ano unha propiedade familiar que se atopaba a monte. A raza galega conquistouno e hoxe leva xa 8 anos cunha pequena gandería a tempo parcial, da que comercializa os cabritos tanto para a vida como pola súa carne.
Foi na feira Semana Verde onde Camilo Mato viu por vez primeira as cabras autóctonas galegas, gustáronlle e xa comezou a darlle voltas á idea de comprar un par delas. Coñecidas pola súa capacidade para manter baixo control a vexetación, Camilo viu nas cabras unha oportunidade para limpar unhas leiras familiares que cada ano tiñan que rozar mecanicamente.
“Todos os anos un sobriño encargábase dese traballo, pero comezamos a valorar que coas cabras podiamos ter a leira limpa todo o ano sen ter que rozala”, comenta. Optaron entón por comprar un par de cabras e un macho. Diso hai xa 8 anos e hoxe Camilo e a súa muller, María Teresa Fernández, teñen unha pequena gandería de cabras autóctonas.
A escasos metros do polígono do Tambre (Santiago, A Coruña), nunha parcela urbana de preto de 1,5 hectáreas viven as cabras de Cabrizanca. Contan cunhas 10 nais reprodutoras e adoitan criar uns 25 cabritos ao ano. “Son cabritos 100% galegos criados de maneira natural”, comenta Camilo.
Ao longo destes anos como gandeiro, Camilo foi profundando nos coñecementos sobre a raza, a crianza e as particularidades dos seus animais tanto da man doutros criadores como da Federación de Razas Autóctonas (Boaga), da que son socios, e coa súa propia experiencia.
0 comments :
Publicar un comentario