No ano 1998, co apoio do Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, propietarios de exemplares das diferentes razas autóctonas en perigo de extinción asociáronse co obxectivo principal de protexer estas poboacións. No caso do cabalo, non foi ata o 31 de novembro do ano 2005 cando se fundou a Asociación de Criadores do Cabalo de Pura Raza Galega, PURAGA, aglutinando á inmensa maioría de criadores de cabalo PRG. Tres anos despois recoñecíase oficialmente a esta asociación como única entidade xestora do Libro de Rexistro Xenealóxico.
Ao longo dos séculos XIX e XX, as eguas de pura raza galega consideráronse excelentes nais para cabalos de traballo, cruzándoas con razas foráneas das que recibían maior porte, velocidade ou masa muscular, e aos que aportaban rusticidade, resistencia, frugalidade e calidade de casco e articulacións. A falla de control nesta práctica supuxo a case desaparición da raza, preservándose naqueles lugares nos que se conservou un sistema de cría tradicional en liberdade único no mundo, do que se ten constancia continua desde os primeiros poboadores de Galicia.
Hoxe en día, aínda se poden observar greas destes animas pastando ceibes no entorno orixinal onde se creou a raza, nas matogueiras atlánticas da media montaña galega, onde os gandeiros e PURAGA manteñen con celo a súa pureza. Desde PURAGA, traballan para a conservación destes magníficos animais, así como do seu sistema de cría tradicional, dentro de diferentes liñas de traballo; o fomento do consumo da súa carne e produtos derivados, a preparación de animais destinados á equitación, especialmente infantil, a selección e cría de exemplares marchadores, e a creación e mantemento dun banco de xermoplasma e embrións.
A VINCULACIÓN CO SER HUMANO, A CONSERVACIÓN DUNHA PAISAXE CULTURAL.
O cabalo criado en liberdade precisa poucos coidados porén vincula fortemente aos seus propietarios co monte. Os donos, preocupados polos seus animais invisten traballo e tempo no coidado do monte, vixían as súas reses, rozan, realizan queimas controladas, cambian os cabalos a zonas con mellores pastos… Facendo isto conservan un sistema de cría tradicional, unha comunidade vexetal ameazada, unha raza autóctona en perigo de extinción, unha poboación de grandes carnívoros e unha paisaxe característica na que o papel do ser humano é fundamental, podéndose considerar a matogueira atlántica galega coma unha auténtica PAISAXE CULTURAL.
Rapa de Santo Tomé, O Valadouro. Anos cincuenta. |
A principios do século XX, Galicia exportaba preto de 10 000 cabezas anuais de equinos; Rof Codina calculaba a poboación en aproximadamente 100 000 exemplares. Pedro Iglesia, na súa tese “Los Caballos Gallegos Explotados en Régimen de Liberdad o Caballos Salvajes de Galicia”, censábaos en case 22 000 cabezas. Actualmente en toda Galicia e sen datos oficiais publicados, poderíase considerar que a cifra se pode aproximar aos 11 000. Agora ben, existe unha diminución xeralizada en todo o territorio e, sobre todo, unha completa desaparición destes animais en amplas zonas do norte Lugo, Costa da Morte ou centro da provincia de Pontevedra.
O Cabalo de Pura Raza Galega mantén unha poboación estable, con certas oscilacións, rondando entre os 1.200 e os 1.450 exemplares, a maior parte deles, femias. Esta conservación da poboación débese a unha maior profesionalización das explotacións onde se localizan.
As principais ameazas do cabalo de Pura Raza Galega son, ademais das xerais para todo o mundo rural, despoboamento, envellecemento,… o cruce con outras razas de maior condición cárnica, a falta de acondicionamento das comunidades de montes, a apertura de pistas e estradas por áreas tradicionais de pastos, a intensificación e os cálculos da carga gandeira por parte da administración, o baixo prezo dos poldros, etc.
Que estes animais nazcan nun entorno sostible, sexan criados de forma tradicional e vivan en semiliberdade, priorizando o seu benestar, é esencial para un produto único que é certificado co selo 100% raza autóctona.
A carne de potro galego 100% raza autóctona é un producto baixo en graxa, alto en proteínas e moi rico en ferro. O seu consumo recoméndase para toda a poboación, pero en especial para aquelas persoas que, ben sexa pola súa situación (embarazo, anemia) o pola súa actividade diaria (deportistas), necesiten de unha alimentación altamente nutritiva.
A carne de potro galego 100% Raza Autóctona é unha carne rica en ferro hemo (este tipo de ferro é o mais asimilable), Omega-3 (gran aliado na prevención de enfermedades cardiovasculares), vitamina B e unha fonte importante de fósforo, magnesio, zinc e cobre.
Contacto:
Pazo de Quián s/n Sergude, Boqueixón, 15881
☏ 638 566 860 | 689 41 97 22 ✉ puraga@puraga.es | isabel@puraga.es
✅ Web: puraga.es
0 comments :
Publicar un comentario