No corazón de Galicia, na comarca da Ulloa, nace e medra o espírito deste proxecto. Foi alí onde Natalia Varela descubriu o fascinante mundo das abellas, tras atopar un enxame vivindo nas paredes do muíño do seu avó. Daquela casualidade xurdiu a decisión de colocar unha colmea nese lugar, iniciando así unha relación profunda e apaixonada coas abellas.
Despois de dez anos de aprendizaxe, observando os ritmos e o funcionamento das colmeas, decidiu dar o paso a converterse en apicultora profesional e crear a marca de produtos apícolas “O Espírito da Colmea”. Esta iniciativa xira arredor da protección da natureza e do desenvolvemento dun proxecto rural sostible, respectuoso co medio ambiente e comprometido cun consumo responsable e de proximidade. A calidade dos produtos é o alicerce fundamental, porque coidar o que consumimos é tamén unha forma de coidar a nosa saúde.
O mel é unha redución da esencia dos lugares que habitan as abellas; por iso, o mel do Espírito condensa a alma da paisaxe da Ulloa. As colmeas, espalladas por diferentes puntos da comarca, están inmersas nun entorno natural que abrangue o monte Farelo —con breixos e toxos—, as carballeiras, os soutos e os prados delimitados por sebes de silvas e salgueiros. Algunhas destas colmeas atópanse en bosques custodiados por Quercus Sonora, unha asociación de custodia do territorio da Ulloa coa que o Espírito colabora activamente para promover a protección da natureza e a conservación do bosque autóctono.
Das colmeas obtéñense mel monofloral de castiñeiro, mel multifloral, pole e própole. O mel monofloral de castiñeiro é especialmente apreciado: quen o proba adoita dicir que "sabe ao mel dos avós". O seu sabor varía segundo a climatoloxía do ano de colleita, predominando as notas doces combinadas cun certo amargor, máis ou menos intenso en función da presenza dos breixos durante a floración.
Pola súa banda, o mel multifloral destaca pola súa suavidade, cun sabor doce e lixeiramente ácido. Esta combinación débese á diversidade floral, principalmente á silva e ás flores dos prados que rodean os apiarios, facendo deste mel unha delicia para quen prefire sabores máis suaves e menos intensos.
O pole recóllese durante a floración do castiñeiro, unicamente cando as colmeas teñen excedente, para non comprometer a saúde e supervivencia das colonias. Por este motivo, a produción de pole non é masiva e varía cada tempada en función das condicións climáticas do ano, co obxectivo de garantir o benestar dos apiarios.
☏ 662 302 407 | ✉ oespiritodacolmea@gmail.com
0 comments :
Publicar un comentario