Carlos Brea, é fundador con Elena Díaz, desta empresa que produce unha das cervexas ecolóxicas de Galicia. É enxeñeiro agrónomo de carreira e asesor e docente de profesión. O proxecto comezou no 2014 ca plantación de lúpulo nunha das fincas familiares, que supostamente foi a primeira plantación de España deste tipo. No 2015 comezou a andaina no mundo cervexeiro e no 2016 comezaron a deseñar e a construír a fábrica que agora teñen en Lagazós (Lalín). Dous anos despois, no 2018, lanzaron ao mercado a primeira cervexa ecolóxica galega con cereais e lúpulo cultivados en chan lalinense.
No mercado teñen diferentes estilos de cervexa. Dende o 2018 fabrican unha tirada limitada dunha Toupiña Especial cunha botella diferenciada e unha etiqueta deseñada cada ano por un artista lalinense diferente.
Acaban de duplicar a superficie da fábrica seguindo o concepto das Farm Brewery, moi en boga nos anos 80 en Estados Unidos. Son pequenas fábricas de cervexa que cultivan o seu propio cereal, o seu lúpulo, o transforman e a xente vai a visitala e degustar a cervexa.
Esta aventura empresarial empezouse a xestar por mor dunhas xornadas que Carlos impartía ensinando a facer cervexa artesá. Foi a xente a que empezou a animalo dicindo que estaba moi boa e porque non a fabricaba. O nome da marca, Toupiña, é unha homenaxe ao seu tío avó, que aínda que non sabía que era un cultivo ecolóxico, nunca utilizou ningún produto químico e ensinoulle o respecto polos animais e a natureza. Toupa era o seu alcume e Toupiña, o nome cariñoso co que o chamaba. Faleceu no 2004 e o proxecto foi un tributo a el. Arrincou no 2014 cun camiño claro: o de crear unha cervexa ecolóxica porque en Galicia non había ningunha e encaixaba coa súa filosofía de vida e a idea de distinguirse cun selo claro.
Unha filosofía que lles leva a colaborar con outras empresas en busca de ter cero residuos. Cos excedentes do fermento da cervexa emprégase para usos diversos (cociña, champú, etc); o bagazo de cereais que sobran son para o sector gandeiro, para alimentar reses en explotacións de produción ecolóxica e para incorporar de novo á terra. Unhas colaboracións que se van ampliando cada ano. Para o próximo queren sacar un xeado de cervexa en colaboración cunha empresa santiaguesa.
Son a primeira marca en obter o selo de Artesanía Alimentaria. A cervexa 100% galega é cada ano diferente grazas á serie limitada que a firma saca ao mercado. Unha edición exclusiva cuxa receita non volve repetirse co obxectivo de que o consumidor poida ir degustando e coñecendo diferentes estilos de cervexa. "Son 1.930 botellas de 33 centilitros e 203 de 75 centilitros. Por que eses números raros? Porque o 2 do 03 do 1930 foi cando naceu Toupa", explica o responsable da firma.
Contacto:
0 comments :
Publicar un comentario