O proxecto Mel Aialma nace nun recuncho da provincia de Ourense no pequeno pobo de Souteliño (Laza), situado nesa Galicia profunda onde a natureza forma parte do seu día a día. Son unha familia adicada á apicultura que comezaron a crer que vivir no rural e do rural é posible. Alí tiñan unha antiga casa propiedade dos avós e ata alí se foron para buscar tranquilidade, tanto para eles, como para os seus dous fillos. José Antonio "Ñaka" medrara aquí e fora o seu avó quen lle ensinara este oficio, o cal antigamente non estaba considerado unha profesión, se non unha forma de autoabastecerse. Lucía tamén ven de familia de apicultores e, durante o verán, estaba co seu tío que aínda a día de hoxe segue con esta profesión. En resumo, non era un mundo alleo para ningún dos dous.
Crean produtos de calidade e de proximidade, sostibles co medio que os rodea e coa ilusión de dalos a coñecer en toda Galicia. Os seus apiarios están rodeados de natureza, soutos de castiñeiros, carballeiras, e monte baixo, flora autóctona e salvaxe da que se alimentan as súas abellas, e iso nótase no mel que producen.O deseño dos seus envases é unha mistura de tradición e cultura. O nome de Aialma fai referencia ao galego antigo, o das nosas avoas, esa maneira de falar que non queremos que se perda. Aialma, fai tamén referencia á paixón de facer as cousas e a esenza do lugar no que viven. Tamén fan referencia aos peliqueiros de Laza, figura insigne da súa localidade, lembrando a importancia que o Entroido cobra en tódalas casas do seu concello. Por último, os deseños das abellas e da Lúa son o símbolo de antigas lendas que vencellaban as almas das persoas con estes elementos ao longo de moitos territorios celtas. Fan homenaxe así aos seus antergos que lles ensinaron este marabilloso oficio e tamén o amor pola súa terra.
👉 Tenda 👈 |
0 comments :
Publicar un comentario