1500 convivium
en todo o mundo
Home » » Ferrolterra, produto e territorio

Ferrolterra, produto e territorio

Slow Food Compostela desenvolverá ao longo de 2026 un novo proxecto financiado pola Deputación da Coruña para apoiar á restauración, á produción local e ao turismo gastronómico da Comarca de Ferrol.

A iniciativa nace cunha idea moi sinxela: axudar a que máis valor quede no territorio. A Comarca de Ferrol conta cunha enorme riqueza gastronómica e produtiva. Na ría, o peixe e o marisco forman parte da identidade local; no interior atopamos mel, produtos lácteos, horta, gandería e elaboracións tradicionais; e territorios como Cedeira manteñen unha relación especialmente forte co mar e con produtos singulares. A esta diversidade súmase unha restauración cun enorme potencial e un patrimonio gastronómico que pode converterse tamén nun importante atractivo para quen visita a comarca.

O problema é que producir preto non significa necesariamente que ese produto chegue con facilidade aos restaurantes da zona. Ás veces hai dificultades de distribución, falta de información, requisitos administrativos difíciles de interpretar ou, simplemente, produtores e restauradores que aínda non tiveron a oportunidade de coñecerse e traballar xuntos.


Este proxecto quere actuar precisamente aí.


Do produtor á cociña, e da cociña ao territorio

O obxectivo principal é reforzar o tecido gastronómico, alimentario e turístico da Comarca de Ferrol, axudando ás empresas locais a ser máis competitivas, máis sostibles e a aproveitar mellor os recursos e produtos que xa existen no territorio.

Para iso, Slow Food Compostela traballará tanto coa restauración como coa produción local, buscando que ambos sectores estean máis conectados.

Os restaurantes participantes recibirán acompañamento para incorporar máis produto local e de tempada e coñecer mellor as certificacións alimentarias, entre outras cousas.

Non se tratará simplemente de impartir formacións. Haberá tamén un traballo individualizado cos establecementos para coñecer como funciona cada negocio e detectar pequenas melloras que poidan aplicarse de maneira realista no día a día.


Os produtores tamén serán protagonistas

Unha parte fundamental do proxecto estará dedicada ao tecido produtivo da comarca. Queremos facilitar que pequenos produtores poidan chegar á restauración en mellores condicións e que os restaurantes saiban quen produce preto, que produce e como poden acceder a eses alimentos.

Traballaranse cuestións moi prácticas, como as canles curtas de comercialización, a distribución, os intermediarios necesarios e os rexistros precisos para a venda directa. Tamén se apoiará aos produtores para comunicar mellor todo o bo traballo que xa están facendo.

A idea é crear relacións máis directas e estables entre quen produce e quen cociña, reducindo distancias e facendo que unha maior parte do valor económico permaneza na comarca.


Contar mellor o que xa se fai ben

Moitos restaurantes e produtores realizan boas prácticas que pasan desapercibidas. Traballan con produto próximo, coñecen aos seus provedores, reducen residuos ou manteñen formas de producir moi vinculadas ao territorio, pero esa información non sempre chega ás persoas consumidoras.

O proxecto ofrecerá apoio para identificar esas prácticas e comunicalas dun xeito claro e natural, sen mensaxes artificiais nin campañas que non representen a realidade de cada negocio.

Os establecementos poderán dispoñer de pequenos textos e materiais para empregar na súa web, redes sociais, cartas ou outros soportes.


Ferrolterra tamén se pode descubrir a través da comida

O proxecto terá ademais unha vertente especialmente ligada ao turismo gastronómico. A través de Slow Food Travel deseñaranse e probaranse dúas experiencias piloto que conectarán produto, territorio e gastronomía.

Estas experiencias combinarán visitas a espazos de produción ou transformación, elementos do patrimonio gastronómico e cultural e unha proposta culinaria baseada en produto local e de tempada.

Tamén se celebrarán dous DemoDays, nos que participarán profesionais vinculados á gastronomía, ao turismo e á comunicación. O obxectivo será probar estas experiencias, coñecer a súa valoración e explorar se poden converterse no futuro en novas propostas de turismo gastronómico para a comarca.


Ata 20 restaurantes participantes

O proxecto traballará cun máximo de 20 establecementos de restauración, buscando unha representación equilibrada dos diferentes concellos da comarca.

A participación partirá dun proceso aberto: primeiro realizarase unha enquisa para coñecer a situación e as necesidades de cada establecemento e, posteriormente, unha entrevista persoal.

Non se buscarán necesariamente negocios que xa o fagan todo ben, senón especialmente establecementos con interese real en aprender, mellorar e incorporar novas prácticas.


Un proxecto para 2026

A iniciativa desenvolverase durante 2026, combinando formación, acompañamento á restauración e á produción local, experiencias de turismo gastronómico e accións de comunicación.

O proxecto está financiado pola Deputación da Coruña, no marco do procedemento DP0030/2026, e permitirá desenvolver unha intervención práctica pensada para reforzar o tecido gastronómico, produtivo e turístico da Comarca de Ferrol.


Gastronomía que crea territorio

Para Slow Food Compostela, este proxecto é sobre todo unha oportunidade para demostrar que a gastronomía pode ser moito máis que aquilo que chega ao prato.

Pode ser unha ferramenta para apoiar a quen produce preto, facer máis fortes os pequenos negocios, conservar coñecementos e produtos locais e ofrecer ás persoas que visitan o territorio unha maneira diferente de coñecelo.

En definitiva, queremos contribuír a construír unha comarca na que produción, restauración e turismo estean máis conectados, e na que consumir local sexa cada vez máis fácil tanto para quen cociña como para quen se senta á mesa.


Bo, limpo e xusto para todas e todos.



SHARE

About Leo

0 comments :

Publicar un comentario