Colaboración co CISPAC e o Concello de Santiago de Compostela na elaboración dun informe sobre o papel da Praza de Abastos como motor da alimentación de proximidade na cidade. O proxecto buscou paliar a carencia de datos actuais sobre o funcionamento do mercado, os hábitos de consumo local e o contexto produtivo da contorna. Entre os seus obxectivos destacaron a identificación de oportunidades para reforzar a produción e o consumo de proximidade, apoiar aos praceiros e praceiras e afondar na conexión coa rede de produtores locais.
Para isto, realizouse un estudo sobre a bacia alimentaria de Compostela, co obxectivo de identificar o territorio necesario para abastecer a cidade de xeito case autosuficiente. Paralelamente, elaborouse unha análise da situación actual da Praza de Abastos, coincidindo cos últimos meses da concesión á cooperativa encargada da súa autoxestión.
Todo este proceso desenvolveuse de maneira participativa a través de catro sesións grupais: tres de carácter temático e unha de síntese xeral. Ademais, Slow Food Compostela formou parte activa da mesa de traballo sobre a Praza, un espazo de encontro que se reuniu periodicamente para abordar os principais retos e problemáticas que afectan ao mercado.
O pasado xoves 13 de marzo, ás 18:30 h, celebrouse na Casa das Máquinas a xornada “A Praza de Abastos e o dereito á alimentación en Compostela”. Durante o acto, os investigadores David Soto (USC-CISPAC) e Ruth Varela (UDC-CISPAC) presentaron o informe elaborado, abrindo paso a un coloquio co persoal da Praza arredor dos retos e posibilidades da alimentación de proximidade na cidade.
A continuación, tivo lugar o Faladoiro sobre o dereito á alimentación e a gobernanza alimentaria, coa participación de Xan Duro, concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais de Compostela; David Soto, profesor da USC e investigador do CISPAC; Amparo Novo, profesora da USC e membro do Observatorio del derecho a la alimentación en España (ODA-E); Juan Soriano, de Entrelampo; Conchi Docampo; e Rocío García Carregal, de Slow Food Compostela.
A xornada contou coa participación de Juan Echanove, xefe do Equipo do Dereito á Alimentación da FAO, e coa presenza de Valeria Pasarín, membro do mesmo equipo. A apertura institucional foi a cargo da alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín Rei, e do director do CISPAC, Lourenzo Fernández Prieto.
Máis información sobre este proxecto:
https://cispac.gal/posts-actualidade/o-cispac-analiza-o-futuro-da-praza-de-abastos/
https://cispac.gal/posts-actualidade/a-praza-de-abastos-e-o-dereito-a-alimentacion-en-compostela/
https://sitopias.hypotheses.org/date/2025/03
https://www.usc.gal/gl/xornal/eventos/xornada-praza-abastos-dereito-alimentacion-compostela
0 comments :
Publicar un comentario