A Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta (ASOPORCEL) nace o 19 de xaneiro de 1999, como unha entidade sen ánimo de lucro, encamiñada á recuperación e conservación do patrimonio xenético da raza porcina Celta, co fin de darlle o lugar que lle corresponde como patrimonio xenético e cultural de Galicia e de legalo a xeracións futuras.
ASOPORCEL conta co recoñecemento oficial por parte da Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia como asociación colaboradora e responsable da xestión do Libro Xenealógico da raza porcina Celta e do Programa de recuperación e conservación do porco celta.
Trabállase desde entón nos importantes obxectivos marcados na a súa creación:
- A integración de todos os criadores desta raza interesados na súa conservación e avance, así como representar, defender e promocionar os intereses económicos, sociais, culturais e profesionais dos asociados.
- Exercer o control xenealógico dos animais da raza.
- A promoción, difusión e divulgación da Raza Porcina Celta entre os distintos públicos a través de reunións científicas, culturais, feiras, congresos e publicacións.
- A realización de estudos relacionados con aspectos da raza para definir criterios zootécnicos.
- A colaboración coa Administración na constitución, conservación e mantemento do banco de plasma germinal.
LOGOTIPO 100% RAZA AUTÓCTONA CELTA
A Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta foi recoñecida polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente para o emprego do logotipo “100% Raza Autóctona Celta”. É a primeira raza porcina española acreditada para a utilización deste distintivo de calidade.
Este logotipo é un selo oficial que identifica os produtos procedentes de animais de razas autóctonas españolas, e que garante aos consumidores a orixe dos produtos que adquiren baixo esta denominación.
Está regulado no RD 505/2013 de 28 de Xuño, polo que se regula o emprego do logotipo nos produtos de orixe animal.
O desenvolvemento desta normativa recóllese no prego de condicións para o uso do logotipo “100% Raza Autóctona” para os produtos do porco Celta.
Esta marca garante a pureza da raza e a cría artesanal ao aire libre. De forma que os consumidores recoñezan a orixe e contribúan a que a raza non se extinga consumindo os seus produtos e apreciando as súas cualidades.
Só poderá ser empregado nos produtos que se describen no prego de condicións e por operadores autorizados.
Contacto:
Dirección: Pazo de Ferias y Congresos de Lugo,
Avenida de la Fábrica de la Luz S/N, 27004 Lugo
E-mail: asoporcel@asoporcel.es
Teléfono: 982 226 252
Web: asoporcel.es
0 comments :
Publicar un comentario