1500 convivium
en todo o mundo
Home » » Diario do primeiro Terra Madre Day Galicia 2017

Diario do primeiro Terra Madre Day Galicia 2017

Nada máis chegar a primeira remesa de nenos, achegóuseme un dicindo:
-de quen é o cumpreanos?
-da nai terra! Dixen eu.
Deus nos pillase confesados, chegara o día, estabamos no TERRA MADRE DAY!!


Despois dun mes intensivo de traballo, máis de 3 de preparación en modo tarefas pendentes, unha semana de tolemia  insana que provocou conatos de divorcios, retiradas de herdanzas e brotes de  dermatitis, chegou o día, así, de improviso, como quen non quere a cousa.

Pero antes de empezar a contarvos como transcorreu a xornada, deixádeme que vos explique que é exactamente un TERRA MADRE DAY:

Todo comezou no 2009, cando para festexar o aniversario de Slow  Food, celebrouse por primeira vez, o 10 de decembro, un día para vangloriar a comida autóctona e o patrimonio gastronómico e cultural. Ese evento, que se celebrou de maneira simultánea ao longo de todas as comunidades do mundo, marcou a tradición que a día de hoxe séguese conmemorando. Celebrar a biodiversidade agrícola e a produción sustentable de alimentos. 

E claro, todo iso os galegos, o de gozar coa comida, levámolo ben, moi ben.

O que me trae de volta a este fatídico día, 10 de decembro do 2017, domingo. Ese día no que vivimos unha cicloxénesis explosiva despois de 6 meses de seca.

E así, con esa alegría de vivir que nos calaba ata o tuétano, tivemos que descargar dous camións e montar unha sala para 100 persoas. Ah, non volo contou?, a pesar de que nas nosas mellores previsións contabamos con 40 ou 50 persoas, tivemos un cheo total, demos o peche en 100 comensais. Era a primeira vez que se celebraba o TMD en Compostela, e a verdade é que a resposta non puido ser mellor. Desde o principio tivemos claro que o tema do evento debía ser recrear esas comidas de “día do patrón” na casa da avoa, donde comes con calma, pero sin mesura, e donde a compañía é tan importante coma a comida. E iso foi o que tratamos de recrear. 


Soaban as badaladas das dúas. Se estivésemos preto da catedral, escoitaríamolas, pero estabamos na NAVE DE VIDÁN e só nos demos conta polas manecillas do reloxo, cando empezaron a chegar os comensais.

A verdade, é que a nosa pequena comunidade Slow foi do máis heteroxénea. Xuntámonos ao redor da mesa hostaleiros, bloggers gastronómicos, produtores asociados, público en xeral e como non, familia achegada. 


A repartición de sitios foi de anárquico totalmente, como nos vai a nós, e cada un, aos poucos, foise facendo coa súa silla. Ao chegar os comensais, a parte do noso empapado sorriso, foise atopando cun cartón que lle adiantaba o menú que ía gozar ese día.


Si, sei o que estades a pensar: pasámonos un pouco coa comida. Pero xa sabedes, despois de que non chova, o maior medo do galego costumista é que a xente se vaia con fame.  

E así empezou o xogo, a modo, moi slow, cada cal servíase o que máis lle tentaba. Era todo un rumrum de voces e pasos pululando pola sala.  

Que se “pásame a tortilla”, que se “que bo está o xamón de porco celta”, “ai por Deus, onde podo comprar este chourizo? pois na casa non me proba o caldo e aquí leva xa dúas cuncas”, “é que non podo comer máis”, “aínda non vira iso, pásame un cacho”, “dixen un cacho pero non unha migalla…

Pois iso…


Algo do que sempre se lle acusou á cociña galega, é da súa sinxeleza na elaboración, non o imos a negar, pero que queredes que vos diga, ao noso produto non lle fai falta nada máis.

Cunha verdura fresca e saborosa faise un caldo por si só, con carne tenra e zumenta, non hai máis que cocela, sen apenas condimentos e xa tes un guiso exquisito. Por iso, á hora de elixir o menú, tivémolo fácil, aínda limitándonos en cociñar pratos con produtos da “Arca do Gusto” o éxito estaba asegurado.


Porque para obter unha certificación restaurante Km 0, pídese un mínimo de produtos de proximidade, do que máis orgullosos nos sentimos ao organizar este evento, foi de poder dar para comer a 100 persoas, e dalles de comer ben, un alimento cultivado e elaborado íntegramente en Galicia. Aquel día conseguimos reducir a pegada ecolóxica, favorecer a biodiversidade, conservar o patrimonio cultural, e todo iso comendo de maneira sa e deliciosa


E incluso contábamos con animación da man de Jose de Turvegal. Turismo Verde de Galicia é unha asociación que nace para compartir, entre os amantes de Galicia, a súa historia, cultura, tradicións e experiencias que sucedan en terras galegas. E unha das súas máis coñecidas iniciativas é o sacho- selfie, que puidemos gozar no TMD e que retratou o ambiente distendido que vivimos ese día.





Por se non o coñecedes, que o dubido, Jose é desas persoas cálidas que animan case sen propoñerllo, e non houbo adulto ao que non conseguise meterse no peto. Pero como os reis da casa son sen dúbida son peques, tivemos a sorte de contar con todos os xogos tradicionais de madeira que achegou  Turvegal e que sen dúbida fixeron as delicias dos máis trastes.

E como sabíamos de certo que a despedida sería dura, e que os asistentes se irían con ganas de máis, coa colaboración dos nosos produtores e asociados, realizamos varios sorteos de produtos para poder seguir degustándoos na casa.

Tenreira galega suprema, 5kg envasados ao baleiro, cogomelos frescos e derivados, Ricos, fariña de  Millo Corvo, arroces, especias e infusións ecolóxicas, queixos, cervexas e produtos da horta. Todo isto repartiuse mentres estabamos ca sobremesa. Aquí fichados os afortunados agraciados.


Non queremos despedir este relato sen agradecer a todos os participantes que dunha maneira ou outra fixeron posible este día. 

En primeiro lugar, a Nave de Vidán, que nos cedeu o espazo e que se converteu nunha contorna tan acolledora.

Aos nosos produtores asociados:  Dairylac, por cedernos produtos lácteos;  Escasero, por produtos da horta e mel;  Granja Campomayor, por achegar ovos;  Agropecuaria Nela, por achegar patacas de Coristanco; Orballo por cedernos infusións, arroces e condimentos ecolóxicos;  Horta de Antía e Horta o Devalo que nos forneceron de legumes e hortalizas;  Shiinatural, polo seu produtos  fungícolas; Auga Km 0, por fornecernos a auga consumida aquel día; pero especialmente a  Cárnicos  Dominguez, por provernos de todo o produto degustado de  porco celta, e a Casa do Carracedo, que nos abasteceu de tenreira suprema e sorteou dous lotes de 5 quilos envasados ao baleiro que el mesmo foi a entregar en man.


* (definición suprema de RIQUIÑO onde a haxa)

Moitas grazas tamén aos produtores que, sen estar asociados, colaboraron cedendo o seu produto, como San Brandán, que nos servÍu o pan;  Jakobland, cervexas artesás e Casa Melchora, ricos de Melide.


Sen esquecernos de MAKRO CORUÑA, que novamente nos facilitou o material indispensable para este evento como foron a vaixela, mantelería, refrescos e produtos varios.

 GRAZAS, MOITÍSIMAS GRAZAS A TODOS POLA VOSA XENEROSIDADE!

Seguindo con este momento de agradecementos, antes de que me baixen o micrófono, non nos podemos esquecer de todo o equipo de SHOWCOOKING, con Pablo Viñas liderando a nave, que traballaron durante varios días preparando toda a comida que alí puidemos disfrutar. Que faríamos sen vós!


E xa para acabar, e prométovos que con isto cálome, moitas grazas a todos os que asistístedess ese día: pais, amigos e demais familia. O tempo non estaba como para conducir máis dunha hora, e aínda así, case sen baixas, alí estivéstedes para compartilo connosco. 

De tódalas críticas que recibimos aquel día, quedámonos con esta: 
Fan os grelos e o lacón mellor que miña avoa”.


Nós con isto, xa nos damos por satisfeitos. Feliz TERRA MADRE DAY. Ata o TMD2018!!



SHARE

About Leo

3 comments :

  1. Fue un día muy especial y en muy buena compañía.

    ResponderEliminar
  2. Foi un verdadeiro placer poder participar, e unha gran sorte gañar unha cesta de maravillosos productos da nosa terra. Graciñas ❤

    ResponderEliminar