1500 convivium
en todo o mundo
Home » » CienPorCel

CienPorCel

Tras unha mudanza temporal ao rural desde Santiago de Compostela, Martín Touceda e a súa muller, Alba Lombao, déronse conta que Osmo (Cenlle, Ourense) era o seu lugar. Unha vez tomada a decisión de vivir nesta pequena aldea de menos de 10 habitantes, quixeron dar un xiro máis ás súas vidas e investir no lugar que viu nacer ao seu fillo Fiz e aos seus antepasados, levando a cabo un proxecto acorde coa súa maneira de entender o mundo para así contribuír á recuperación do rural. Así naceu en 2020 CienPorCel, unha explotación familiar de porco celta baseada no silvopastoreo.

O avó materno de Alba Lombao era deste lugar, no que a súa familia veraneaba. A aposta por esta aldea foi clara desde o principio, buscando coidar o lugar no que tan felices foran e apostando por un modelo rural no que os animais e as leiras coidadas son eixos centrais. Cren que vivir en e do rural é posible e que establecerse nel é sinónimo de calidade de vida. Cren en que é posible un modelo de gandería e agricultura máis sostible, que xere riqueza aos produtores e que se traduza nunha produción de alimentos de maior calidade e que xere un efecto positivo sobre o medio ambiente.

Esta marca aposta pola sustentabilidade, o desenvolvemento local e a tradición e comercializa dúas gamas de embutidos: tradicionais, como lombo e salchichón, e rabiosos, como os chourizos elaborados con pemento de pemento de Padrón.

A produción da firma é pequena e depende da capacidade do terreo de 2,7 hectáreas. Isto permítelles criar un máximo de 25 porcos ao ano sen xerar o desgaste das leiras. Non sempre teñen de todo nin poden garantir pedidos moi grandes pero os seus clientes saben que están a adquirir un produto de gran calidade, respectuoso co medio ambiente e co benestar animal.

Martín e Alba apostaron pola cría de porco celta polas características do terreo e a súa predilección polas razas autóctonas galegas. Tamén porque limpa e aproveita recursos como as castañas e as landras ao mesmo tempo que controla a mimosa, especie invasora que se suma ao problema que representa o eucalipto no monte galego. Os animais de CienPorCel, ademais, están criados en liberdade, algo que se nota posteriormente na carne, máis zumarenta e tenra.


Doutra banda, traballa na diversificación do proxecto coa incorporación de máis animais como un burro, ovella galega, cabras ananas ou galiñas de diferentes razas. O obxectivo desta iniciativa é divulgar e dar a coñecer razas autóctonas e en perigo de extinción a través de visitas guiadas e degustacións, permitindo que a xente vexa de primeira man os recursos que se aproveitan cada animal e os beneficios que achegan ao rural.

A produción de CienPorCel segue os principios da ecoloxía: os seus responsables alimentan aos porcos con cereal ecolóxico certificado, non usan fito- sanitarios, antibióticos nin hormonas e respectan os principios de benestar animal. Actualmente teñen o control de todo o proceso de elaboración (despezamento-transformación-elaborado-curado) e están incorporados á certificación de Artesanía Alimentaria da Xunta.

VISITAS GUIADAS

Todas as fins de semana abren as súas portas. Vai a coñecer a súa granxa e a todos os animais que viven nela!!! Ademais poderás probar os seus produtos de Porco Celta, desconectar nun entorno privilexiado e coñecer máis sobre o seu proxecto.



 Contacto:

Lugar de Osmo, Cenlle, 32454 Ourense

☏ 660 042 331 ✉ info@cienporcel.com

Web: cienporcel.com

Tenda online



SHARE

About Leo

0 comments :

Publicar un comentario