1500 convivium
en todo o mundo
Home » » Eco Experiencia por Lugo

Eco Experiencia por Lugo

Baixo o lema “Vive e coñece a produción ecolóxica de Galicia” fixemos a terceira viaxe durante toda a fin de semana, para gozar dun roteiro que nos levou, unha vez máis, a coñecer produtores e elaboradores ecolóxicos, pero desta vez, ao longo da provincia de Lugo.

En pleno "boom" da comida que se vende como “sa, natural ou sostible”, atopámonos cun bombardeo de produtos que nos prometen propiedades que non sempre poden cumprir. Que nos pode asegurar que un alimento sexa ecolóxico, que minimice o impacto negativo da produción e garántanos a súa salubridade? Un certificado de agricultura ecolóxica.

Actualmente, este tipo de certificados veñen avalados pola lexislación europea e son os países, ou no noso caso as comunidades autónomas, as encargadas de velar porque as producións adscritas a este selo cumpran con todas as esixencias. É por iso, que o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, CRAEGA, quérenos levar de visita a varias das súas explotacións para ensinarnos, de primeira man, que teñen de singulares e cal é a diferenza que marca a súa calidade final. 







Sábado pola mañá: 

Partimos rumbo a 📍Chantada onde fixemos a primeira parada nunha produción moi nosa: castañas ecolóxicas. En primeiro lugar visitamos un souto propiedade de Martín e Modesto Varela e logo desprazámonos ata as oficinas de Naiciña, empresa galega que conta cunha importante presenza no mercado internacional e que xurdiu como un pequeno negocio familiar. Alí, Miguel Ángel Areán falounos do control da trazabilidade, selección, calibrado e da elaboración certificada en ecolóxico polo Craega, sin olvidarnos que son a única empresa de España que abarca todo o ciclo produtivo da castaña.




Máis tarde visitamos Abadía da Cova no lugar de 📍Cuñas (O Saviñao). Buscando a máxima calidade e o respecto polo medio, elaboran un viño feito con uva mencía que provén da agricultura ecolóxica practicada nesas ladeiras esculpidas desde a época romana. "O máis importante do cultivo ecolóxico é coidar o chan", nos din. Nesta adega da Ribeira Sacra teñen moi claro como aportar valor e sustentabilidade ao territorio. A máxima de Evaristo Rodríguez, o seu xerente, é que: "o chan ten que deixarse igual ou mellor para as seguintes xeracións".





Sábado mediodía:

Comemos no restaurante Berso, en 📍Sober, o cal ofrece unha proposta gastronómica que aúna produto fresco con verduras e hortalizas ecolóxicas cultivadas na horta do propio restaurante. Martín Mantilla, o seu responsable de cociña, con máis de 20 anos de experiencia dedicados á cociña e a impartir formación neste ámbito, busca facer unha pequena homenaxe ás nosas avoas, lembrar a súa cociña e manter a tradición, dándolle o seu toque persoal e máis actual.





Alí o chef Km 0 fíxonos un menú baseado en produtos ecolóxicos de tempada. De entrante puidemos probar unhas croquetas de boletus; o primeiro prato consistiu nunha crema de cabaza salteada con castañas de Naiciña e boletus, acompañada dunha pequena porción de queixo Dona Cobiña; o segundo prato foi arroz cremoso con verduras e polo; e por último, o postre, seguindo coa mesma liña, foi flan líquido de castañas tamén de Naiciña con chantilly e crema de oruxo. Todo isto maridado cun Albariño ecolóxico de Bodegas Corisca e o Mencía de Abadía da Cova. As cervexas eran de Bubela e os licores de Bacelos de Biobra.


Sábado pola tarde:

Despois de comer, puxémonos rumbo a Arqueixal en 📍Albá (Palas de Rei). Esta granxa é un  proxecto familiar que se  iniciou  fai 25 anos e que preserva os valores máis positivos  do  espazo rural  coa práctica  dunha agricultura  ecolóxica de  elevadísima  calidade.  Teñen 35 vacas felices que pastan en  liberdade  nas  pradarías da comarca da Ulloa, onde  non utilizan  nin pesticidas nin fertilizantes químicos.  Co seu  leite, orgánico e saudable, producen dúas variedades de queixo e un  iogur exquisito. Estes produtos forman parte da DOP Arzúa-Ulloa e tamén do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega). Os seus alimentos son o resultado dun modo de vida que se transforma pero que sabe utilizar os seus saberes tradicionais respectando a natureza, o  desenvolvemento  sostible e a  produción artesanal.





Sábado pola noite:

Pernoctamos no Pazo do Piñeiro situado no lugar de 📍Soilán (Chantada), unha construción de pedra de principios do século XVI cunhas instalacións interiores e exteriores de gran encanto que fan de calquera celebración unha ocasión máxica. Aquí, para non perder o fío da fin de semana, degustamos produto en ecolóxico e en particular, entrecot de tenreira ecolóxica de Traloagro maridado co mencía premiado de Abadía da Cova, e tamén flan de castañas ecolóxicas, que non podían proceder de outra parte que non fora de Naiciña.





Domingo pola mañá:

Despois dun bo descanso, retomamos a Eco Experiencia pola provincia de Lugo coa visita a un dos produtores da sidra MaelocYolanda González de "Casa do Estudante". Alí participamos na recolección de mazás que se está a levar a cabo nestos días. Trátase dunha sidra 100% elaborada con mazás galegas, procedentes da agricultura ecolóxica, que exclúe aquelas técnicas que usan produtos químicos. Por cada litro de sidra utilízanse ao redor de 10 ou 12 mazás. Para a súa elaboración recórrese a máis de 1.000 produtores autóctonos, o que destaca o seu compromiso coa produción local.




Logo dirixímonos a visitar a Esther Teijeiro, unha pioneira do viño ecolóxico. Enorgullécese de facer algo que non prexudica a saúde e critica a quen só quere producir moito para enriquecerse. En maior medida que os non ecolóxicos, o seu viño non sabe igual todos os anos, depende dunha impredicible combinación de horas de sol e humidade. 




A adega Diego de Lemos, que toma o seu nome do avó da  matriarca, produce entre 10.000 e 13.000 botellas de tinto mencía e brancos godello e treixadura nunhas viñas libres de química e maquinaria.


Domingo mediodía:

Rematamos este periplo polos ecolóxicos da provincia de Lugo en Pidre, onde María Varela, a chef de A Parada das Bestas, nos abreu as súas portas. Ela é capaz de sacar o mellor aos produtos da comarca, fusionando receitas tradicionais coas técnicas máis vangardistas e unha presentación coidada que lle valeu premios a nivel autonómico e nacional. Así que non podíamos estar en mellores mans. Os provedores deste menú foron Milhulloa, Sen Máis, Arqueixal, Casa Ribeira, Esencia da Terra, Avega, Traloagro, Algas La Patrona, Abadía da Cova, Bodegas Corisca, Bubela e Bacelos de Biobra, todos eles certificados en ecolóxico.






Houbo dous bodegóns de produtos procedentes de operadores certificados polo Craega: un no Restaurante Berso e outro no Pazo do Piñeiro. Os dous sorteáronse entre os asistentes e os gañadores foron Alexia Gómez (Asturias) e Silvia Viqueira (Antonautas na Iagosfera).

Queremos darlle as grazas a Cafés CandelasAceites FigueiredoRefixGalletas Mariñeiras DaveigaToca HoneyMar de Ardora, Señorío de RubiósCapitán AlgaCorga Brancellao e Naiciña que formaron parte dos bodegóns que expuxeños.




Esta visita estivo pechada a un grupo reducido de influencers profesionais formado por Alvientooo, Escapalandia, Caminante del Planeta, Galicia Mola, Antonautas na Iagosfera, Lucía Velasco, Lourdes López, Bloghedonista e Magdalenas de Chocolate, que deron visibilidade a esta iniciativa do Craega (Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia) organizada por Slow Food Compostela.


Tamén contamos, unha vez máis, co perfil de dous deportistas galegos de renome como foron Antón Ruanova, triatleta profesional dobre subcampión de España (2010 e 2013) e campión de Brasil e Sudamérica (2016), e Amador Pena, director deportivo e atleta da recentemente creada sección de atletismo da SD Compostela.


Vémonos o 23 e o 24 de outubro na Eco Experiencia pola provincia de Ourense, a última das catro dun periplo que comezou o 11 de setembro e nas cales demos visibilidade a produtores e elaboradores certificados en ecolóxico ubicados por toda Galicia.


SHARE

About Leo

0 comments :

Publicar un comentario