1500 convivium
en todo o mundo
Home » , , » Néstor Liñares: "Os nosos produtos saben distinto"

Néstor Liñares: "Os nosos produtos saben distinto"

Horta dá Lousa é unha empresa que representa a percepción da Agricultura Familiar. O seu xerente, Néstor, tomou o relevo da explotación de seus pais conservando así tódolos saberes xeneracionais que eles tiñan no seu haber. Traballa con insumos naturais que lles aporta unha pequena gandeiría, o que a día de hoxe chamaríamos economía circular, pero que non deixa de ser unha técnica empregada durante toda a vida. Traballa coas variedades propias que conservaban na casa e dá continuidade a unha actividade no rural que xera emprego e fixa poboación. Quizais o que máis chama a atención nesta historia é que Néstor, informático de formación reconvertido a agricultor, conseguiu aplicar a domótica ao seu negocio. Sen dúbida, un exemplo das novas xeracións de agricultores en Galicia que conseguen obter alimentos coma os de antes, sen máis segredo que facéndoo de igual forma, pero adaptándose aos novos tempos.


- Cando comezaches con isto?

Comencei no ano 2012 recollendo o relevo de meus pais. Estaba na Coruña traballando de informático e eles plantexábanse ou vender a explotación ou alquilala ou darlle outra saída ao seu negocio. Ese ano recupereina e ampliamos un pouquiño”.


- Que che diferencia dos demais?

“O que me diferencia dos demais é o produto a medida das necesidades do cliente, a distribución de cercanía. Non só temos produción senón distribución. E despois o que considero que me diferencia é o sabor dos nosos produtos. Saben distinto porque son producidos de forma distinta”.


- Por que apostar polo Eco?

“Apostar polo Eco foi sempre un modo de vida nesta casa, só que entendíamos que só se o dixeramos nós non era suficiente así que demos o paso a certificarnos para poder chegar a máis clientes con esa garantía de calidade e boas praxes”.


- A quen lle vendedes principalmente? A quen vai dirixida a vosa produción?

“Aos clientes de prantas, a tendas de suministros agrícolas que están na Comarca de Ordes e zona de Bergantiños e Costa da Morte. E despois, os productos en fresco son para a Comarca de Ordes e Área metropolitana da Coruña”.


- Que tal no confinamento? Como foron as vendas?

“As vendas de produtos en fresco baixaron un pouquiño por mor dos restaurantes que estaban pechados, pero notamos un incremento importante das vendas hortícolas. A xente ao estar na casa tiña máis tempo para coidar da súa horta e era o momento que tiña para empezar coa súa propia alimentación”.


- E como vos vai actualmente?

“Agora volveuse prácticamente ás vendas normais. O consumo de frescos en restaurantes e supermercados, os nosos principais clientes, diminuíu un 20% con respecto a antes do confinamento”.


OBXECTIVOS DE DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

As producións certificadas en ecolóxico como a de Horta da Lousa, fan as seguintes aportacións para acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU:

Axudan a acabar coa fame (ODS 2) xa que...

2.1 Favorecen un abastecemento alimentario saudable, nutritivo a toda a poboación ao producir alimentos libres de produtos tóxicos ou perxudiciais para a saúde. 

2.3 Axudan a mellorar a produtividade agrícola e os ingresos dos pequenos produtores alimentarios, en particular os dos agricultores familiares, aportando recursos, coñecementos, e xerando mercados e oportunidades de valor engadido para a súa produción.

2.4 Aseguran a sustentabilidade dos sistemas de produción de alimentos por medio de prácticas resilientes que aumentan a produtividade; contribúen ao mantemento dos ecosistemas; favorecen a adaptación ante o cambio climático e os fenómenos meteorolóxicos externos, e melloran progresivamente a calidade do solo, xa que traballan respectando os terreos nos que se cultivan, traballando con controis de plagas biolóxicos, evitando a utilización de insumos químicos sintéticos que poideran chegar a contaminar os solos ou as augas colindantes á explotación. 

2.5 Manteñen a biodiversidade xenética das sementes, as prantas cultivadas e os animais da granxa domésticos, e as especies silvestres conexas, xa que empregan sementes libres de transxénicos. Favorecen o emprego das variedades tradicionais e a creación de hábitats que acollan a fauna precisa para o correcto manexo das pragas. 

Axudan a construír cidades e comunidades sostibles (ODS 11), xa que...

11.4 Axudan a protexer e salvagardar o patrimonio cultural e natural do mundo ao traballar na conservación das variedades tradicionais e as técnicas tradicionais asociadas ao seu manexo. 

11.a Apoian os vínculos económicos, sociais e ambientais positivos entre as zonas urbanas, periurbanas e rurais fortalecendo a planificación do desenvolvemento rexional xa que manteñen vivo o rural e abastecen de alimento as cidades próximas.

A maiores, esta explotación, polas súas peculiaridades, fai fincapé en:

Obter auga limpa e saneamento (ODS 6):

6.3 Mellora a calidade da auga reducindo a contaminación, minimizando a emisión de produtos químicos e aumentado considerablemente o reciclado de auga, xa que teñen instalado un sistema de riego por goteo xestionado por unha aplicación informática. Este sistema permítelles controlar os insumos e optimizar o consumo de auga que extraen dun manantial dentro da propia explotación. 

6.4 De igual xeito, fan un uso racional dos recursos hídricos e aseguran o abastecemento de auga doce mentres velan pola salubridade dos alimentos que producen.


Loitan por un traballo decente e un crecemento económico (ODS 8):

8.2 Aumentan a produtividade da súa empresa empregando sistemas de modernización tecnolóxica e innovadores.

8.3 Crean postos de traballo decentes, aínda sendo unha microempresa no sector do agro. Conseguen traballar 4 persoas cun horario pechado e librar vacacións e fins de semana. 

8.4 O crecemento da súa empresa faise seguindo "O marco decenal do programa sobre modalidades de consumo e produción sostibles", xa que se fai nun marco de crecemento económico desvinculado da degradación do medio ambiente e facendo un uso eficiente dos recursos naturais. 


Favorece a produción e consumo responsables (ODS 12):

12.2 Fai un uso eficiente dos recursos naturais dende as súas boas praxes de produción e tamén polo emprego de material recuperado para o packaging dos seu produtos. 

12.3 Favorece a redución do desperdicio alimentario polo manexo da súa produción e por xerar cadeas cortas de distribución na súa comercialización, incluso chegando a facer plantacións a medida para o cliente final. 

12.4 A súa xestión dos produtos químicos é o máis ecolóxicamente racional posible, tanto na propia produción coma nos refugallos que poidan xerar ao longo da súa vida útil. Entenden a súa responsabilidade dende o transporte ata o empaquetado sostible. Forma parte da súa responsabilidade social corporativa, máis aló da responsabilidade legal que teñen como empresa.

12.5  De igual xeito, tratan de minimizar os refugallos xerados na súa actividade mediante a reutilización e reciclado dos materias empregados. 

12.8 Dentro da súa labor empresarial non esquecen a importancia de poñer en valor a súas boas praxes ambientais, facilitando así a información e o coñecemento das persoas e das técnicas de traballo menos daniñas para o medio ambiente e cunha maior harmonía coa natureza.  


SHARE

About Leo

0 comments :

Publicar un comentario