1500 convivium
en todo o mundo
Home » » Que se entende por calidade alimentaria?

Que se entende por calidade alimentaria?

O concepto de calidade é algo que nos resulta etéreo e difícil de definir. Se nos preguntaran, probablemente o primeiro que nos viría á cabeza sería algo coma "duradeiro" ou "resistente", se falásemos dun obxecto. Pero á hora de definir a calidade dun ben de primeira necesidade como é un alimento, non nos resulta tan evidente. É aquel que sabe ben? É o que menos se estraga? É o que está máis procesado? A realidade é que baremar a calidade no sector agroalimentario pode ser algo moi subxectivo.

Como certificala entón? Un dos primeiros selos que se nos vén á cabeza é o da ISO, para ser máis exactos, a familia da ISO 9001. Este selo creado a principios do século XX, supuxo a introdución dos conceptos de certificados de calidade nos procesos industriais e aínda, a día de hoxe, segue vixente. Pero ao contrario do que a xente interpreta, non é un selo utilizado en obxectos finais, se falamos de alimentación, se non máis ben nos procesos cos que os elaboramos. Para que nos entendamos: eu podo atopar unha empresa que fabrique salsa de tomate na que estea instaurada unha ISO 9001, pero difícilmente vou atopar no supermercado un tomate cunha  ISO escrita na pel. 

Que certificados podo atopar entón? A día de hoxe, no mercado podo atopar diferentes selos, privados na súa maioría, que desenvolveron diversos estándares que tratan de ofrecer ao consumidor un produto distinguido. Nesta liña podemos atopar selos como “Leite de Pastoreo”, “Vegano” ou “Libre de Glute”, todos eles procedentes de certificadoras privadas que atoparon unha maneira de identificar ás súas empresas clientes no nicho de mercado que demanda este tipo de especialidades. Pero ningún deles conta cunha estandarización oficial por parte da administración pública, nin sequera as ISOS. 

A realidade é que os únicos selos de calidade que podemos atopar en Europa abalados pola lexislación europea son a “Denominación de Orixe Protexida” (D.O.P.), a “Indicación Xeográfica Protexida” (I.X.P.), “Especialidade Tradicional Xeográfica” (E.T.G.) e os certificados de produción ecolóxica.

Estes catro selos, presentes en todo o territorio comunitario, contan cunha estandarización de protocolos, é dicir, eu podo atopar, por exemplo, centos de D.O.P. nos distintos países europeos, pero sei que, se teñen o selo de calidade oficial, o proceso de control que houbo detrás foi o mesmo para todos.

Á hora de estudar de forma máis pormenorizada estas certificacións, poderiamos clasificalas en dous grupos. Por unha banda estarían os selos que fan referencia á orixe ou á historia do produto, e por outra, os certificados que se refiren a un proceso de produción.

No primeiro grupo atopamos aos selos máis antigos, os que se derivan en boa medida das denominacións de orixe que se empezaban a utilizar nos viños e espirituosos, e que deron lugar a estas tres certificacións chamadas “Selos de Calidade Diferenciada”, e que evocan non só a unha práctica respectuosa e natural, senón a unha conservación do legado patrimonial que cada cultura atesoura en gran parte na súa gastronomía. 

O cuarto certificado, o de produción ecolóxica, non ten unha relación coa orixe, senón cos métodos de produción. O que se busca con este selo é asegurar ao consumidor que ante un produto, independentemente de que sexa producido aquí, noutro país da unión ou mesmo importado de terceiros países, os métodos e as garantías ante o consumidor final van ser as mesmas. 

Que me aseguran entón estes catro selos? En primeiro lugar, as I.X.P, D.O.P. e E.T.G. proporciónannos unha ferramenta de trazabilidade sobre a procedencia dos alimentos. Se compramos un alimento distinguido con estes selos, podemos ter a absoluta certeza de que foi producido nun territorio concreto, sexa nun radio local ou nacional pero, de calquera xeito, teremos unha garantía de orixe. Pero ademais, asegúrannos a utilización dunha materia prima sen adulterar e dun proceso, se o houbese, baseado en técnicas tradicionais, adaptadas, iso si, á normativa actual. 

De maneira paralela, a produción certificada ecolóxica garántenos que os alimentos están producidos dunha maneira respectuosa co medio ambiente e ca saúde humana. As sementes coas que se traballa están libres de transxénicos e os animais criados nesta técnica, tiveron unha boa calidade de vida. 


Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU

Se temos en conta o impacto que ten a nosa alimentación no medio ambiente, sen dúbida, consumir produtos con certificados de calidade é unha boa ferramenta coa que garantir a consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU. 

A produción de alimentos con certificados de calidade axuda a conseguir:

  • Axuda a alcanzar as metas 2.3, 2.4, 2.5 e 2.a, xa que a maioría dos consellos reguladores están formados por pequenos produtores que traballan con variedades locais de sementes que axudan a salvagardar as prácticas agrícolas máis  resilientes e contribúen ao mantemento dos ecosistemas. Ademais, en moitos casos, traballan man a man cos bancos de  germoplasma locais sendo unha axuda imprescindible para a conservación das súas sementes. 
  • Axuda a alcanzar as metas 8.2, 8.3, 8.4 e 8.9 xa que na súa maioría este tipo de producións está levaba a cabo por micro-empresas ou cooperativas que xeran empregos no ámbito rural, fixan poboación nas contornas rurais e periurbanos, facilitan a introdución de innovacións na industria agraria e axudan a dar unha formación profesional aos seus empregados. Ademais do impacto empresarial, axudan a poñer en valor os enclaves nos que se asentan, facendo un uso sostible dos seus recursos naturais e favorecendo o turismo cultural e pouco  masificado. 
  • En especial, axuda a alcanzar as metas 12.2 e 12.3 xa que se favorece a xestión sostible e o uso eficiente dos recursos naturais, así como evitar o desperdicio alimentario favorecendo as cadeas curtas de comercialización.
  • Axuda a alcanzar as metas 15.3, 15.5 e 15.6 xa que axudan a loitar contra a  desertificación rehabilitando terras que puidesen estar en perigo de erosión por incendios, seca ou inundacións evitando así a degradación do chan. Ademais, axudan ao mantemento dos hábitats e promoven unha repartición xusta dos beneficios que se obteñen dos recursos naturais. 













Tes dúbidas? Queres saber máis sobre o tema? Consúltanos!

Referencias:  https://www.alimentosdespana.es/es/sellos-calidade/, Diario Oficial da Unión Europea - EUR- Lexeur- lex. europa.eu. e  https://www.un.org/sustainabledevelopment/es/


SHARE

About Leo

0 comments :

Publicar un comentario