1500 convivium
en todo o mundo
Home » » Eco Experiencia por Ourense

Eco Experiencia por Ourense

Baixo o lema “Vive e coñece a produción ecolóxica de Galicia” fixemos a cuarta e última viaxe durante toda a fin de semana, para gozar dun roteiro que nos levou, unha vez máis, a coñecer produtores e elaboradores ecolóxicos, pero desta vez, ao longo da provincia de Ourense.

En pleno "boom" da comida que se vende como “san, natural ou sostible”, atopámonos cun bombardeo de produtos que nos prometen propiedades que non sempre poden cumprir. Que nos pode asegurar que un alimento sexa ecolóxico, que minimice o impacto negativo da produción e garántanos a súa salubridade? Un certificado de agricultura ecolóxica.

Actualmente, este tipo de certificados veñen abalados pola lexislación europea e son os países, ou no noso caso as comunidades autónomas, as encargadas de velar porque as producións adscritas a este selo cumpran con todas as esixencias. É por iso, que o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, CRAEGA, quérenos levar de visita a varias das súas explotacións para ensinarnos, de primeira man, que teñen de singulares e cal é a diferenza que marca a súa calidade final. 







Sábado pola mañá: 

Partimos rumbo a Verín onde nos estaba esperando Juan de Terra de Baronceli, unha produción ecolóxica situada no lugar de 📍 Vilaza. Trátase dun complexo gastronómico natural, tenda e fábrica de conservas ubicado no Val de Monterrei. Compran froitos seleccionados a pequenos agricultores para a elaboración das súas conservas nas que se escolle e lava á man froito a froito. No envasado non se utiliza ningún tipo de aditivo químico nin conservantes artificiais. Unhas gotiñas de limón recén exprimido e unha coidada esterilización, garanten todo o sabor e a completa seguridade do produto que chega ás nosas mans.





Unha vez rematada esta visita, puxémonos rumbo a Verín Biocoop, cooperativa que naceu no 1988, da man de once gandeiros, e que hoxe opera con 28 ganderías da provincia de Ourense con especial énfasis en establecer un vínculo entre o método de reprodución ecolóxico e as razas autóctonas en perigo de extinción da provincia (a vianesa, a frieiresa, a cachena, a caldelá e a limiá, así como a rubia galega).





Nesta visita, José Luís Vaz, presidente da cooperativa, amosounos a súa explotación en Outeiro, no concello de Riós, a cal conta con 80 reprodutoras de raza vianesa.


Sábado mediodía:

Comemos no Regueiro da Cova en 📍Verín. Begoña Vázquez, a súa propietaria e responsable de cociña, preparounos un menú baseado, como non, en produtos ecolóxicos e de proximidade que consistiu en: Tartar de tenreira eco; Ensalada de pementos asados e mexillóns eco; Risotto de verduritas da súa horta e shiitakes de Baronceli; Estofado Norteño de tenreira eco, pataca e castaña de Souto da Trabe; e Sopa cítrica de iogur e unha bica de Laza con mel de Sovoral. 







Todo isto maridado por un Albariño ecolóxico de Señorío de Rubiós e por un Corga Brancellao. Para os amantes da cervexa, tivemos a de Celebridade Galega. O punto e final puxérono os licores ecolóxicos de Bacelos de Biobra, a escoller entre licor café, licor de herbas e crema de oruxo.


Sábado pola tarde:

Despois de comer, dirixímonos rumbo a Labregos Daiquí, un grupo de agricultores amantes da natureza que coidan da terra para producir alimentos saborosos e sans, libres de pesticidas. Todo isto a un prezo xusto para o agricultor e para o consumidor. Daiquí é un proxecto rural sustentable que naceu no ano 1996 coa intención de demostrar que o sistema agrario tradicional galego é un patrimonio moi valioso.





Viven e traballan no concello de Rairiz de Veiga, nunha pequena aldea de montaña do sur de Ourense, chamada 📍 Carballal.  Aquí consérvase un valioso sistema agrario tradicional que resulta ideal para a agricultura ecolóxica. Manuel García foi o encargado de contarnos todo isto, ademais de prepararnos un Magosto eco con produtos, como non, de Daiquí.


Sábado cea:

Despois de todo o día visitando produtores e elaboradores en ecolóxico, precisamos repoñer forzas no Fogar do Santiso de Allariz, un antigo museo convertido en restaurante. A antiga fábrica de curtidos de Vilanova foi un punto da incipiente industria ligada ao río Arnoia no século XVII. O edificio mantén unha estética e distribucións únicas, con teitos altos e grandes salas dedicadas ao tratamento do coiro. Destaca a enorme pedra que se usaba para pisar as pezas de coiro. 





Neste marco único gozamos da súa hospitalidade e tamén da súa oferta gastronómica: cociña á brasa en fornos de carbón con produtos galegos; verduras das súas hortas ecolóxicas e carnes das montañas de Ourense (vacas de raza autóctona de cultivo libre e alimentadas só con pasto).


Sábado pola noite:

Pernoctamos no Oca Vila de Allariz**** ,un precioso hotel de catro estrelas situado nesta vila de Ourense, considerado un dos pobos máis bonitos de toda Galicia, e cuxo entorno natural é dun valor ecolóxico incalculable, sendo declarado Reserva da Biosfera no ano 2005.



Domingo pola mañá:

Despois dun bo descanso, retomamos a Eco Experiencia pola provincia de Ourense coa visita a un dos pequenos produtores de leite ecolóxica que temos en Galicia: Ecoleia. Marcos Quintas amosounos a súa pequena explotación situada no lugar de 📍Torneiros (Allariz) coa cal recuperou máis de 70 hectáreas abandonadas, e contounos todo o traballo que hai por detrás do seu produto, algo que queremos poñer en valor sempre nas nosas visitas. 




Logo dirixímonos a visitar a Cume do Avia en 📍 Ribadavia. Os viños desta adega asentada no Ribeiro son o resultado de anos de traballo no que o respecto ao medio, as variedades autóctonas, así como as elaboracións tradicionais, marcaron o camiño. Este proxecto comeza o seu percorrido no 2004 e son cinco os socios os que forman parte desta cooperativa. Xunto con Diego, o seu irmán Álvaro e o seu primo Adolfo Collarte, son os que afrontan o traballo diario tanto nos viñedos como na elaboración e comercialización dos seus viños, uns viños de autor en ecolóxico.





Domingo mediodía:

Rematamos este periplo polos ecolóxicos de Galicia en Compostela, onde comezou esta aventura alá xa polo 11 de setembro. Aquí comemos en A Casa do Taberneiro, recentemente distinguido como Restaurante Km 0, onde Susana e Pepe nos cociñararon un menú ecoloxico moi tradicional e de tempada que consistiu en caldo galego, cordeiro con patacas e requeixo (aportado pola Cooperativa Santa Mariña de Loureiro cuxos produtos tamén levaron para a súa casa algúns dos nosos blogueiros) con mel. 



Todo isto maridado por un Corga Brancellao e por un Albariño ecolóxico de Bodegas Corisca, sen olvidarnos da cervexa ecolóxica Toupiña.  



Outros produtores ecolóxicos, cuxo produto formou parte deste menú tan noso foron: Jamones GonzálezLabrecos e Traloagro.




Foi neste lugar onde expuxemos os bodegóns con aqueles operadores autorizados polo Craega que, aínda que non fóramos a visitalos, tiveron esta opción para darlles tamén a eles un pouco de visibilidade dentro desta iniciativa que chegou xa á súa fin. Tres dos asistentes foron os afortunados en levarse estes lotes de produtos ecolóxicos para a súa casa.

Marce de Gastrorgásmico (Madrid), foi o gañador do lote aportado por Labrecos consistente, entre outras cousas, nun vale para unha cesta de produtos da súa horta ecolóxica.


Alberto de Alvientooo (Galicia) foi o gañador dun lote composto por produtos aportados por: Trasdeza Natur, Puleva, Toca Honey, Refix, Mar de Ardora, Algamar, Daveiga (que ademais regalou galletas para tódolos asistentes a esta Eco Experiencia por Ourense como xa fixera na anterior), Candelas e Aceites Figueiredo.


Yves de La Ecocosmopolita (Barcelona) foi a gañadora dun lote composto por produtos aportados por: Capitán Alga, Corga Brancellao, Señorío de Rubiós e Toupiña.


Esta visita estivo pechada a un grupo reducido de influencers profesionais formado por AlvientoooGuisándome la vidaRogelio Santos QueirugaViajes ChavetasEat & LoveBoavista.CoLa EcocosmopolitaGastrorgásmico e Mister More Food, que deron visibilidade a esta iniciativa do Craega (Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia) organizada por Slow Food Compostela.


Tamén contamos, unha vez máis, co perfil dunha deportista galega de renome como foi Teri Portela, que repetiu experiencia e que ve acompañada do seu home David Mascato, tamén un dos nosos grandes deportistas galegos con toda unha traxectoria ás súas espaldas.

Teri Portela co seu home David Mascato durante a Eco Experiencia do Craega por Ourense


SHARE

About Leo

0 comments :

Publicar un comentario