1500 convivium
en todo o mundo
Home » , , » Ana Prieto: "Gústanos moito o trato directo co cliente"

Ana Prieto: "Gústanos moito o trato directo co cliente"

Xa son máis de 50 anos os que levan dedicándose á elaboración de queixo. Desde 1960 traballan co obxectivo de fabricar queixos e requeixo de gran calidade. Despois de tres xeracións, seguen traballando cada día coa mesma inquietude. Entrevistamos a Ana Isabel Prieto, neta do fundador e actual responsable de Queserías del Eume.


- Cando comezaches con isto?

Comecei no ano 90. A fábrica data do ano 1960. Comezou meu avó que faleceu moi novo, aínda non estaba xubilado. Continuaron miña nai, meu pai e meu tío Pepe (anterior xerente) dende o ano 70.

No ano 86 deciden trasladar a fábrica aquí á Faeira, xa que anteriormente estaba en Goente, lonxe do domicilio particular.

No ano 90 collemos o meu home Mundo e eu as rendas do negocio, compaxinando a fábrica co restaurante familiar, polo que estábamos un pouco entre pinto y valdemoro.

No ano 2015 cando os nosos fillos deciden quedarse a traballar na empresa, decidimos entre os catro darlle outro aire á mesma: liña mais ampla de produtos, cambio de imaxe, etc. Era realmente necesario adaptala un pouco á demanda do mercado”.


- Que che diferencia dos demais?

Pois o primeiro que se me ven á cabeza é a calidade do produto, pero en Galicia hai moi bos produtos e de grande calidade, por iso para nós é ademáis moi importante  a cercanía ao cliente: visitas regulares, boa atención, bo servizo. Cremos que hoxe é algo primordial e de grande valor nunha empresa de alimentación como somos nós. Dende a visita a unha tenda da Gran Superficie ata un restaurante, súper, panadería, etc…”.


- Quen distribúe o produto?

Mundo é o responsable de vendas. Logo temos 2 repartidores encargados de distribuir os pedidos. Un deles é o noso fillo Javier”.


- Por que apostar pola D.O.P. Queixo-Tetilla?

O Tetilla é un queixo recoñecido  fóra de Galicia como o queixo galego por excelencia. Por iso é importante estar nunha DOP. Aínda que recoñezo que levei unha decepción cando nos demos de alta porque pensaba que aquí se iba consumir máis Tetilla, pero non foi así. É un produto que funciona sobre todo no extranxeiro. Ademais,  ó estar nunha DOP, estamos máis  asesorados dende o Consello Regulador. Infórmannos de  feiras, subvencions, eventos, novas normativas, etc…”.


- A quen lle vendedes principalmente? A quen vai dirixida a vosa produción?

Maioritariamente estamos nas grandes superficies: GADISA, FROIZ, ALCAMPO, EROSKI. E logo chegamos a moito supermercado, cada vez menos desgraciadamente porque non hai tantos. Tamén chegamos a restaurantes, hoteis, asociacións… todo o que poidamos abarcar”.


- Que tal no confinamento? Como foron as vendas?

Non nos podemos queixar a verdade. Os primeiros 15 días non dábamos a basto. A xente debeu pensar que xa non deixarían ir á compra nunca máis. A venda máis notable foi no queixo do país tenro.

Notamos que a xente por non desprazarse, aínda agora no mes de agosto, abituouse a comprar no súper máis cercano. Por iso temos unha notable melloría nas vendas a estes negocios”. 


- E como vos vai actualmente?

Coincideu que tamén ben. Xullo foi coma o ano pasado e agosto arranca tamén ben. A nivel turístico está moito mellor agosto que xullo polo que notamos nós nas vendas. E esperemos que siga así de ben”.


OBXECTIVOS DE DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

As producións certificadas pola D.O.P. Queixo-Tetilla, fan as seguintes aportacións para acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU:

Axudan a acabar coa fame (ODS 2) xa que...

2.3 Axudan a duplicar a produtividade agrícola e os ingresos dos pequenos produtores, en particular os dos agricultores familiares, pastores e os pescadores, entre outras cousas mediante un acceso seguro e equitativo de coñecementos e asesoramento, creando oportunidades para a xeración dun valor engadido que axude a posicionar ao seu produto no mercado.

2.4 Aseguran a sustantibilidade dos sistemas produtivos ao aplicar prácticas agrícolas resilientes, contribuíndo ao mantemento dos ecosistemas, fortalecendo a capacidade de adaptación ao cambio climático, xa que a gandeiría asociada a esta denominación, ten que estar no réxime extensivo, favorecer o pastoreo e a calidade de vida dos animais.  

2.5 Manteñen a diversidade xenética dos animais de granxa e as súas especies silvestres conexas, xa que dentro das razas aceptadas para a gandeiría, están as variedades tradicionais galegas criadas en pastos de xeito tradicional e preservando, non só a súa variedade xenética, senón tamén as técnicas tradicionais do seu manexo.

Obter auga limpa e saneamento (ODS 6):

6.3 Melloran a calidade da auga reducindo a contaminación, minimizando o emprego de produtos químicos empregados na súa elaboración, xa que os únicos aditivos que poden empregar, son o cloruro cálcico e os fermentos lácteos, reducindo os focos de contaminación química que poden xurdir dentro da industria alimentaria. 

A explotación en especial aporta no punto:

6.5 No seu afán de mellora, ten implementada a xestión sostible da auga por medio dunha depuradora propia e reutiliza, cando é posible, as augas residuais tratadas para a limpeza do chan da fábrica.

Construír infraestruturas resilientes, promover a industrialización sostible e fomentar a innovación (ODS 9):

9.3 Favorecen o acceso das pequenas industrias, a súa integración nas cadeas de valor e nos mercados posicionando un produto distinguido cunha certificación de calidade, o que axuda a diferencialo dos seu competidores.

9.4 Modernizan a infraestrutura das industrias tradicionais para que sexan sostibles, utilizando os recursos actuais para obter unha maior eficacia e promovendo a adopción de tecnoloxías e procesos industriais limpos e ambientalmente racionais.

Favorecen as comunidades sostibles (ODS 11):

11.4 Protexen e salvagardan o patrimonio cultural e natural da súa contorna xa que empregan só técnicas tradicionais e gando local para a produción dos seus produtos.

11.a Apoian os vínculos económicos, sociais e ambientais positivos entre as zonas urbanas, periurbanas e rurais fortalecendo a planificación do desenvolvemento rexional.

Favorece a produción e consumo responsables (ODS 12):

12.2 Fai un uso eficiente dos recursos naturais dende as súas boas praxes de produción e tamén por favorecer un produto carente de packaging.

12.3 Favorece a redución do desperdicio alimentario polo manexo da súa produción e por xerar cadeas cortas de distribución na súa comercialización, o que tamén contribúe a xerar unha pegada de carbono máis baixa. 

12.4 A súa xestión dos produtos químicos é o máis ecolóxicamente racional posible, tanto na propia produción coma nos refugallos que poidan xerar ao longo da súa vida útil.

SHARE

About Leo

0 comments :

Publicar un comentario