1500 convivium
en todo o mundo
Home » , » Mónica Malvar: "Non deberíamos competir, senón coexistir"

Mónica Malvar: "Non deberíamos competir, senón coexistir"

Mónica é unha emprendedora que mudou de vida e de actividade económica. Deixou atrás a cidade na que exercía coma deseñadora gráfica, e estableceuse na aldea, convencida de que esa era a vida que soñaba para a súa vellez. 

Xorde así no 2017 o proxecto Seitura, aínda que a produción non comeza ata o 2018. Paderne é o lugar escollido, un paraíso entre ríos, para establecer a súa granxa de dúas hectáreas adicadas a horta, froiteiras e a avicultura. 

Mónica é un exemplo de emprendemento e de fixación de xente nova no rural.


- Cando comezaches con isto?

Fai 2 anos. Mentalmente como 5. Levounos moito tempo atopar terra, casa… Deixeino todo para darlle vida a este soño que tiña”.


- Que che diferencia dos demais?

Penso que poucas cousas me diferencian dos demais. Creo que hai cabida para todos en Galicia e non me preocupa demasiado a competencia. Se teño que buscar alguna diferencia podería ser que estou empregando as aves para abonar directamente. Antes empregaba os porcos. En realidade creo que non deberíamos competir, senón coexistir”.


- Por que apostar pola certificación de ecolóxico?

Quíxenme certificar porque é a maneira de demostrarlle ao consumidor como fago as cousas. Nun principio non iba a facelo, iba a seguir só as directrices. Pero si é verdade que o consumidor valora que haxa unha certificación por detrás que di que eu fago de maneira correcta”.


- A quen lle vendedes principalmente? A quen vai dirixida a vosa produción?

Ao consumidor final e algún restaurante. Véndolle directamente a través da páxina online. Calqueira pode rexistrarse sempre e cando estea na nosa zona: Coruña, Oleiros, Betanzos e a súa contorna, Arteixo… En Coruña e en Betazos ademáis temos un punto de reparto onde deixamos os pedidos e a xente pode ir a buscalos. Coa entrega a domicilio temos un pedido mínimo de 15 euros mentres que nos puntos de reparto non temos unha cantidade mínima”.


- Que tal no confinamento? Como foron as vendas?

Moi ben, de feito aumentaron moito as vendas. A horta está baixo mínimos porque non fomos capaces de prever o que ía suceder. En principio íbamos a pechar no confinamento porque iban a ser só 15 días, pero non o fixemos porque tiñamos uns clientes, que xa son amigos, aos que lle tiñamos que servir. Pero ao pouco tempo comezamos a recibir pedidos de xente de fóra que pedían a través da nosa web”.


- E como vos vai actualmente?

Agora en agosto baixaron as vendas e ademais levamos dúas semanas paradas pois estamos a adicar este tempo a preparar a campaña de outono/inverno: sementar, prantar, facer tractores móbiles para os polos, galiñeiros novos para as pitas... Nestes días únicamente servimos aos restaurantes da zona”.


- En último lugar… por que decidíchedes apostar pola avicultura? E máis concretamente, por que decidíchedes apostar pola variedade animal “Galiña de Mos”?

Primeiro necesitábamos moito abono para a finca e é extremadamente caro. Agora traemos compós xa feito porque queríamos comezar a facelo nós traendo o excedente dunha escola preto daquí, pero comezou o confinamento e quedámonos sin abastecemento. Apostamos polas aves porque os porcos remexen moito a terra. As aves remexen moito en superficie e co sistema de mover as casetas permítennos deixar esparexido ese estrume e é un tempo moi valioso que eu non perdo. Optamos pola Galiña de Mos porque é moito máis rústica, máis sabrosa, e sobre todo porque son as galiñas da miña nenez. Eu crieime nunha aldea de Ourense, a cabalo entre a cidade e o rural. Traballaban a terra con animais, facíase todo á man. Pois que me apetecía recrealo xa que me trae á mente esa imaxe da infancia”.



OBXECTIVOS DE DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

As produción certificadas en ecolóxico, como Seitura, fan as seguintes aportacións para acadar os Obxetivos de Desenvolvemento Sostible da ONU:

Axudan a acabar coa fame (ODS 2) xa que:

2.1 Favorecen un abastecemento alimentario saudable e nutritivo a toda a poboación ó producir alimentos libres de produtos tóxicos ou perxudiciais para a saúde. 

2.3 Axudan a mellorar a produtividade agrícola e os ingresos dos pequenos produtores alimentarios, en particular os dos agricultores familiares, aportando recursos, coñecementos, e xerando mercados e oportunidades de valor engadido para a súa produción.

2.4 Aseguran a sustentabilidade dos sistemas de produción de alimentos a través de praxes resilientes que aumentan a produtividade; contribúen ó mantemento dos ecosistemas; favorecen a adaptación ao cambio climático e aos fenómenos meteorolóxicos extremos e melloran progresivamente a calidade do solo, xa que traballan respectando os terreos nos que se cultivan, traballando con controis de plagas biolóxicos, evitando a utilización de insumos químicos sintéticos que puideran chegar a contaminar os solos ou as augas colindantes á explotación. 

2.5 Manteñen a biodiversidade xenética das sementes, as prantas cultivadas e os animais da granxa, domésticos, e as especies silvestres conexas, xa que empregan sementes libres de transxénicos, favorecen o emprego das variedades tradicionais e a creación de hábitats que acollan a fauna precisa para o correcto manexo das pragas. 

Axudan a construír cidades e comunidades sostibles (ODS 11) xa que:

11.4 Axudan a protexer e salvagardar o patrimonio cultural e natural do mundo ao traballar na conservación das variedades tradicionais e as técnicas tradicionais asociadas ao seu manexo. 

11.a Apoian os vínculos económicos, sociais e ambientais positivos entre as zonas urbanas, periurbanas e rurais fortalecendo a planificación do desenvolvemento rexional xa que manteñen vivo o rural e abastecen de alimento as cidades próximas.


A maiores, pola súa particular praxe, Seitura contribúe ós seguintes ODS:

Obter auga limpa e saneamento (ODS 6):

6.4 Fan un uso racional dos recursos hídricos e aseguran o abastecemento de auga doce mentres velan pola salubridade dos alimentos que producen.  Na súa explotación teñen un sistema de recollida de auga da choiva que lles permite rebaixar a pegada hídrica xerada no regadío por goteo. Ademais, a peculiaridade do terreo da súa explotación, en pendente, permítelles poder prescindir de bombas eléctricas que axuden a reciclar a auga.
Loitar por un traballo decente e un crecemento económico (ODS 8):

8.4 O crecemento da súa empresa, faise seguindo O Marco Decenal do programa sobre modalidades de Consumo e Produción Sostibles, xa que se fai nun marco de crecemento económico desvinculado da degradación do medio ambiente e facendo un uso eficiente dos recursos naturais. 
Favorece a produción e consumo responsables (ODS 12):

12.2 Fai un uso eficiente dos recursos naturais dende as súas boas praxes de produción e tamén polo emprego de material recuperado dentro da súa explotación, como por exemplo, palés de obra recuperados para dar forma aos refuxios para os animais.

12.3 Favorece a redución do desperdicio alimentario polo manexo da súa produción e por xerar cadeas cortas de distribución na súa comercialización, incluso chegando a facer plantacións a medida para o cliente final. 

12.4 A súa xestión dos produtos químicos é o máis ecolóxicamente racional posible, tanto na propia produción, coma nos refugallos que poidan xerar ao longo da súa vida útil. 

12.5  De igual xeito, tratan de minimizar os refugallos xerados na súa actividade mediante a reutilización e reciclado dos materias empregados. 

12.8 Dentro da súa labor empresarial non esquecen a importancia de poñer en valor a súas boas praxes ambientais, facilitando así a información e o coñecemento das persoas e das técnicas de traballo menos daniñas para o medio ambiente e cunha maior harmonía coa natureza.  
SHARE

About Leo

0 comments :

Publicar un comentario