José Cuadrado Oural, “Pepe”, está ao fronte da Cooperativa Terras da Mariña situada no termo municipal de Lourenzá. Esta, composta por 15 produtores de toda a comarca de “A Mariña Lucense”, nace pola inquietude dun grupo de produtores de “Faba de Lourenzá” ante unha serie de peculiaridades relacionadas coa produción e comercialización. Á súa vez, Pepe é o presidente da I.X.P. Faba de Lourenzá, Consello Regulador que asegura unha trazabilidade e unha seguridade alimentaria aos consumidores.
- Cando comezaches con isto?
“O regulamento da I.X.P. Faba de Lourenzá aprobouse no 2008 e a cooperativa naceu no 2014. Comezamos a saír ao mercado no 2016. Os primeiros anos foron un pouco permisos, licencias… non tiñamos nada aínda polo que foron dous anos durillos pero ao final conseguimos comercializar os nosos produtos. Eu persoalmente herdei a explotación que tiñan os meus pais, a cal estiveron toda a vida traballando. Logo pasou a min. O cultivo da Faba de Lourenzá, aquí na zona de Lourenzá e en toda a comarca da Mariña Lucense, eu sempre a recordo, pero foi evolucionando a medida que se foi profesionalizando o sector e tamén a medida que foi tendo máis soa. De feito, antes era normal que fora un cultivo asociado ao millo pero agora é un monocultivo o cal se pretende que sexa unha actividade principal, que as familias poidan vivir disto, que sexa un xeito de vida”.
- Que che diferencia dos demais?
“Eu penso que é o mimo que lle dedicamos a cada semente, a cada pranta e a dedicación que hai detrás e sobre todo a garantía que lle damos ao consumidor cunha trazabilidade moi exhaustiva. Nós somos varios agricultores e cada un deles ten varias fincas. Nós o que garantimos como cooperativa é que cada finca de cada agricultor se procesa de forma independente para garantirlle ao consumidor final que as sementes que van no saquiño son da mesma finca e do mesmo agricultor, e que pasaron todas o mesmo proceso produtivo e que se van comportar todas por igual en coción. Á vista non vamos notar esas diferencias pero en función das propiedades das fincas, unhas poden ter a pel más grosa, outras cocer un pouco antes, outras un pouquiño despois…
Para a hostelería o que facemos é unha reserva de lotes: mandámolle 3 ou 4 mostras de lotes diferentes, eles próbanas, elixen o lote que mellor lles encaixa entón nós facemos unha reserva de lote para ese cliente en concreto coa garantía de que sempre que faga un pedido novo vai recibir a mesma calidade de produto. Intentamos poñernos sempre na pel do cliente”.
- Por que apostar pola I.X.P. Faba de Lourenzá?
“Porque sempre che dá unha diferenciación no mercado, unha calidade. Oblígante a pasar uns controis e auditorías que ten que repercutir nunha seguridade ó consumidor final e faiche esa diferenciación. Non é unha faba calquera, é unha faba amparada por unha Indicación Xeográfica Protexida. Hai unha Axencia de Calidade Alimentaria que controla todo por detrás e dache esa proposta de valor a maiores
Este ano pasado decidimos diversificar a nosa carteira de produtos e buscamos cultivos que foran compatibles coa faba buscando unha rotación óptima das terras. E o grelo adáptase perfectamente a isto. E como tamén é un produto amparado por unha Indicación Xeográfica Protexida, Grelos de Galicia, estamos dentro e moi contentos coa labor e permítennos uns ingresos extra”.
- A quen lle vendedes principalmente? A quen vai dirixida a vosa produción?
“Estamos moi centrados na Hostalería e tamén maioristas, tendas, canal gourmet”.
- Que tal no confinamento? Como foron as vendas?
“Sufrimos un pouquiño porque baixou moito o nivel de vendas. Houbo que buscar alternativas. Hai que adaptarse á nova normalidade e asumir que os hábitos de consumo están cambiando. Por elo estamos poñendo en marcha novos produtos coa faba e tamén intentamos estar nese nicho de mercado que ahora pensamos que se demanda ”.
- E como vos vai actualmente?
“Bueno, vamos loitando pouquiño a pouco”.
Pepe con Alba Rodil, Administrativa da Cooperativa Terras da Mariña |
OBXECTIVOS DE DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE
As producións certificadas coa IXP Faba de Lourenzá, como a Cooperativa Terras da Mariña, fan as seguintes aportacións para acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU:
Axudan a acabar coa fame (ODS 2) xa que...
2.3 Axudan a mellorar a produtividade agrícola e os ingresos dos pequenos produtores alimentarios, en particular os dos agricultores familiares, aportando recursos, coñecementos, e xerando mercados e oportunidades de valor engadido para a súa produción.
2.4 Aseguran a sustentabilidade dos sistemas de produción de alimentos por medio de prácticas resilientes que aumentan a produtividade; contribúen ao mantemento dos ecosistemas; favorecen a adaptación ante o cambio climático e os fenómenos meteorolóxicos externos, e melloran progresivamente a calidade do solo, xa que traballan respectando os terreos nos que se cultivan, traballando con controis de plagas biolóxicos ou con plaguicidas en moi baixa cantidade, restrinxido a utilización de insumos químicos sintéticos que puideran chegar a contaminar os solos ou as augas colindantes á explotación, xa que favorecen o emprego de subproductos coma o esterco para o seu abono.
2.5 Manteñen a biodiversidade xenética das sementes tradicionais, ou de conservación, xa que esta variedade foi recuperada en colaboración co Banco de Xermoplasma do CIAM, e a súa posta en valor a través da I.X.P. supón unha axuda á súa produción e polo tanto, conservación.
2.a Axuda a aumentar as inversions na infraestrutura rural, na investigación agrícola e nos servizos de extensión, no desenvolvemento tecnolóxico e nos bancos de xermoplasma. As explotacións que traballan dentro da I.X.P. contan á súa disposición coas ferramentas tecnolóxicas precisas, como cámaras frigoríficas, clasificadoras de gran ou envasadoras, ás que de xeito individual non poderían acceder, ou polo menos non con tanta facilidade.
Obter auga limpa e saneamento (ODS 6):
6.4 Dende a cooperativa fan un uso racional dos recursos hídricos e aseguran o abastecemento de auga doce mentres velan pola salubridade dos alimentos que producen. Na súa explotación teñen un sistema de recollida de auga da choiva que lles permite rebaixar a pegada hídrica xerada no regadío por goteo. Ademais, a peculiaridade do terreo da súa explotación, en pendente, permítelles poder prescindir de bombas eléctricas que axuden a reciclar a auga.
Loitan por un traballo decente e un crecemento económico (ODS 8):
8.6 Coa posta en valor da produción desta variedade local, dende a I.X.P. axudan á creación de emprego na zona e a reducir a proporción de mozos da zona que non terían moitas alternativas laborais por mor da desaparición progresiva do tecido empresarial da comarca.
8.9 Dende a I.X.P. desenvolveuse un plan de impacto económico pensado máis alá dos propios produtores, e puxeron en valor un plan turístico chamado “Ruta da Faba” no que se ofrece unha visita guiada ás plantacións e unha degustación do seu propio produto.
A aportación a maiores que fan dende a cooperativa é:
8.8 Dende a Cooperativa Terras da Mariña promóvese un entorno de traballo seguro e sen riscos para os traballadores que optan por igual ás mesmas condicións de traballo e favorecen a inclusión da muller como titular da explotacións constituíntes.
8.10 Dende a cooperativa faise unha labor de asesoramento e apoio para facilitar aos socios a liquidez financeira precisa con miras para mellorar a súa produción.
Axudan a construír comunidades sostibles (ODS 11), xa que...
11.4 Dende a I.X.P. fan unha labor de salvagarda do patrimonio cultural e natural da súa contorna, xa que a propia labor da mesma, é salvagardar a biodiversidade alimentaria e o patrimonio material e inmaterial que alberga.
11.a Axuda a unha cohesión territorial, favorecendo o vínculos económicos, sociais e ambientais positivos entre as zonas urbanas, periurbanas e rurais.
Favorece a produción e consumo responsables (ODS 12):
12.2 Traballan baixo a xestión sostible e o uso eficiente dos recursos naturais.
12.3 Favorecen a redución do desperdicio alimentario polo manexo da súa produción e por xerar cadeas cortas de distribución na súa comercialización.
12.4 Fan unha xestión ecolóxicamente racional dos produtos químicos que empregan, xa que minimizan os insumos sintéticos permitidos para a produción en convencional, e favorecen o emprego de abonos orgánicos procedentes de explotacións próximas.
12.8 Contribúen a posta en valor dun xeito de produción sustentable dende a súa labor divulgativa, que fan en grande medida, a través das visitas en redes sociais.
12.b Contribúen ao desenvolvemento económico da súa contorna a través da explotación turística e da conservación do patrimonio ligado á mesma.
0 comments :
Publicar un comentario