O pasado sábado 5 de setembro celebrouse no Hotel***Restaurante Rías Altas de Barreiros o primeiro de catro xantares que percorrerán Galicia evocando as tempadas gastronómicas. O evento cebrouse cunha asistencia de 24 persoas, xa que por mor do escenario covid, a recomendación do manual do Ministerio é de non sobrepasar os 25 asistentes. Ata Barreiros desprazáronse 20 blogueiros especializados en gastronomía -algúns tamén en viaxes- que tiveron a oportunidade de degustar produtos de calidade da zona. Tamén estiveron Ana Belén Ermida Igrexas, alcaldesa do Concello de Barreiros e Tania Hermida Varela, de Turismo A Mariña Lucense. O presidente da Mancomunidade de Concellos de A Mariña Lucense, Fran Cajoto, tivo unhas palabras de benvida para tódolos comensais que alí se congregaron.
Dada a ubicación do Rías Altas, en plena zona da Faba de Lourenzá, o prato principal foi centrado neste produto que estivo acompañado doutros produtos certificados como o cordeiro ecolóxico. A elección do restaurante veu determinada, en grande medida, por ser un dos nosos Km 0. Coñecemos o bo facer da súa cociña, o respecto que teñen pola orixe dos produtos cos que traballan, e Felisa, a súa cociñeira, busca conservar as receitas tradicionais de sempre, dándolle protagonismo á materia prima por enriba da elaboración.
Para a sobremesa, contamos cos licores do consello regulador de augardentes e licores tradicionais de Galicia. Os comensais puideron degustar a súa augardente de herbas, o seu licor café, augardente envellecida e augardente de Galicia. Non faltaron o café e as infusións ecolóxicas. Todo isto moi ben acompañado polos viños das catro adegas que compoñen a I.X.P. Ribeiras do Morrazo: Bodega Os Areeiros, Adega Ardán, Mercedarios Monasterio San Juan de Poio (o único viño de Galicia elaborado nun convento) e Bodega Reboraina.
0 comments :
Publicar un comentario