1500 convivium
en todo o mundo
Home » » Eco Experiencia por Pontevedra

Eco Experiencia por Pontevedra

Baixo o lema “Vive e coñece a produción ecolóxica de Galicia” comezamos unha viaxe durante toda a fin de semana, para gozar dun roteiro que nos levou a coñecer produtores e elaboradores ecolóxicos ao longo da provincia de Pontevedra.


En pleno "boom" da comida que se vende como “san, natural ou sostible”, atopámonos cun bombardeo de produtos que nos prometen propiedades que non sempre poden cumprir. Que nos pode asegurar que un alimento sexa ecolóxico, que minimice o impacto negativo da produción e garántanos a súa salubridade? Un certificado de agricultura ecolóxica.

Actualmente, este tipo de certificados veñen avalados pola lexislación europea e son os países, ou no noso caso as comunidades autónomas, as encargadas de velar porque as producións adscritas a este selo cumpran con todas as esixencias. É por iso, que o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, CRAEGA, quérenos levar de visita a varias das súas explotacións para ensinarnos, de primeira man, que teñen de singulares e cal é a diferenza que marca a súa calidade final.




Sábado pola mañá: 

Partimos desde Compostela rumbo a Vilanova de Arousa onde fixemos a primeira parada nunha produción moi especial: unha batea de mexillóns ecolóxicos. Moita xente non saberá que, aínda que a pesca salvaxe non se pode certificar, a acuicultura si está dentro desta certificación e temos a sorte de que Galicia lidera a produción de mexillón certificada de toda España. Na nosa visita, a cal fixemos nun catamarán, puidemos ver como é o traballo desta cría de molusco e aprendemos que ten de especial con respecto ao convencional. E fixémolo en plena Ría de Arousa, gozando das súas  espléndidas vistas mentres degustamos, in situ, dunha selección dos produtos certificados (colaboraron Dime Salnés e Porto Muiños). 




Volvendo a terra, seguimos con produto do mar. A nosa seguinte parada foi a conserveira Pan do Mar. Dentro do catálogo de provedores cos que traballan, contan con pesca sostible, mexillón certificado da DOP Mexillón de Galicia pero sobre todo, con verduras, aceites e escabeches ecolóxicos, que aportan coherencia e calidade ao produto final que chega ao consumidor.  




Sábado mediodía:

Tivemos o privilexio de degustar na Quinta de San Amaro dun menú composto de hortalizas, carne e tamén viños, licores, infusións ou xeados, todo en ecolóxico, da man de Eduardo Alemán, cociñeiro deste hotel-restaurante situado entre viñedos de Albariño do val do Salnés e a poucos km da costa de Pontevedra. Foi erixida fai once anos por Nacho Crespo e Julio Ouviña para darlle ao viaxeiro a oportunidade de vivir a experiencia dunha Galicia rural.


Tódolos provedores deste menú 100% ecolóxico están certificados co Craega. O menú consistía nun entrante composto por unha coca de guacamole, langostino e xamón curado gran reserva; o prato principal era solombo de porco en salsa de Oporto con cremoso de cabaza e chips de pataca; e o postre era xeado de iogur acompañado dunha tella de café. A maridaxe foi un albariño Sete Cepas en Rama e un Mencía da Bodega Diego de Lemos, ámbolos dous viños ecolóxicos. As infusións foron cortesía de Milhulloa, as hortalizas de Trasdeza Natur, a panela eco era de Euro Andeán e o xamón curado gran reserva de Jamones González.





Sábado pola tarde:

Despois de coller forzas para seguir co roteiro, dirixímonos a coñecer a explotación gandeira de Isidro Peleteiro en Pedre (Cerdedo). Do mesmo xeito que a produción de mar, a gandería certificada adoita ser descoñecida para o consumidor final, e neste caso a gandería de Isidro representará o modelo dunhas boas praxes dentro da cría animal. Reses en extensivo, alimentadas exclusivamente con pastos, en gran medida grazas a traballar cunha raza autóctona galega, a  Frieiresa, que está adaptada ao hábitat e permite a súa cría en liberdade todo o ano.

 


Despois puxemos rumbo cara A Estrada onde nos estaba esperando Javier Agrelo de Biofruit Galicia, explotación que apostou polo arando ecolóxico, unha froita cunha demanda cada vez maior no mercado galego. Alí tamén estaba Martín, técnico de Kiwi Atlántico, empresa que conta actualmente con máis de 70 socios e 20 produtores colaboradores, o que a fai a maior produtora de  kiwi de España e unha das máis importantes de Europa.





Sábado noite:

Aloxámonos en Torres de Moredasituada nunha contorna natural, situada a 4 km do centro urbano da Estrada. A leira ten unha extensión de 25.000 m2, a súa maioría dedicada a plantación de maceiras para produción de sidra ecolóxica que deleitan ao visitante en calquera época do ano.



Domingo pola mañá:

Unha vez asimiladas todas as experiencias do día previo, arrincamos cara a Finca a Sobreira, en Pardemarín. Alí atopábase Orlando e a súa filla Patricia, cuarta xeración, que contaron todo sobre a espirituosa “sidra ecolóxica Rabiosa” elaborada coa variedade de mazá autóctona coñecida como "Rabiosa de Callobre". Non hai que esquecer que falar de sidra na Estrada non é falar soamente dunha bebida, senón que tamén é falar de cultura e dunha actividade cunha marcada tradición na zona ao longo dos séculos.




Unha vez terminada esta visita, desprazarémonos ata Silleda para coñecer a María José Tallón, impulsora de Trasdeza Natur, e ao seu marido Rosendo Estévez. Esta horta está situada nunha zona con gran diversidade ecolóxica que permite unha produción autóctona ao longo do ano. Ademais, transforman algúns deses produtos frescos para darlles máis permanencia no tempo a modo de aperitivos deshidratados, conservas e especias.





Domingo mediodía:

Terminamos o noso periplo pola provincia de Pontevedra no Restaurante A Moa (en Compostela) onde degustamos, do mesmo xeito que na Quinta de San Amaro, máis produto certificado en ecolóxico polo CraegaO prato estrela nesta ocasión foi a costela de tenreira galega ecolóxica de Verín Biocoop.

Esta visita estivo pechada a un grupo reducido de Influencers profesionais formado por AlvientoooPetiscos GalegosBlondie MuserRogelio Santos QueirugaAmar Viajar e PetiscarGastroactivity y Vanesa Bustos, asesora culinaria, que deron visibilidade a esta iniciativa do Craega (Consejo Regulador de la Agricultura Ecológica de Galicia) organizada por Slow Food Compostela.


Tamén contamos co perfil dunha deportista galega de renome como é Belén Toimil, recentemente chegada dos Xogos Olímpicos de Tokio. Porque unha alimentación saudable ten que ir ligada a uns hábitos de vida tamén saudables e quen mellor para contalo que os nosos deportistas.


A próxima Eco Experiencia será o vindeiro 25 e 26 de setembro ao longo da provincia de A Coruña.


SHARE

About Leo

0 comments :

Publicar un comentario