Dende fai xa un tempo, deixamos de mercar obxetos só polo mero feito de facelo. Agora o que adquirimos son experiencias. Pensemos nun iogurt: non o mercamos só polo seu envase, senón por querer repetir unha boa experiencia a cal foi a responsable de que quixésemos fidelizar con esa marca.
Podemos pensar en que estandarizar este produto é relativamente sinxelo, pero, que facemos para estandarizar un produto de horta ou a produción cárnica?
Pois para iso están os chamados certificados de calidade. Estes proporciónannos uns protocolos e uns estándares de elaboración que fan que cando repitamos con estos produtos, evoquemos as boas experiencias pasadas e atopemos as mesmas propiedades organolépticas, o mesmo sabor, cor, textura…
Estas experiencias de calidade, estos produtos certificados, abranguen moitos tipos de alimentos, e en Galicia, contamos cunha nutrida colección.
Que produtos galegos podemos atopar certificados? Na nosa terra temos unha variedade amplísima de produción alimentaria e, de igual forma, podemos atopar esa diversidade dentro dos produtos certificados. Carnes, mariscos, lácteos, verduras, froitas, mel, pan, doces… Tanto ten o que busques porque de seguro que podes atopar algún alimento que satisfaga as túas expectativas e que che faga gozar dunha boa experiencia.
#36experienciasgalegasdecalidade
En total son 36 os produtos galegos certificados. Galicia é a terceira comunidade en producción certificada e cada ano sobe o volumen da súa facturación.
Pero para empezar a falar das experiencias, volvamos á orixe, e máis concretamente, ás denominacións de orixe. Antes de que a lexislación europea formulase a maneira de estandarizar un produto alimentario, xa contabamos coas D.O. no sector vitivinícola. En Galicia, terra de grandes viñedos, tiñamos xa varias denominacións que, traballando con pequenos produtores, conseguían dar forma a unha imaxe de marca que garantía ao consumidor que a experiencia de "cata do caldo" iba a ser a mesma independentemente da bodega da que procedía.
Deste protocolo, desta estandarización de procesos de produción, saíron as primeiras marcas de certificación alá polo ano 1936, e máis concretamente, a DO do Ribeiro. Co tempo xurdiron as de Rías Baixas, Valdeorras, Monterrei e Ribeira Sacra. Estas DO, xa cun recoñecemento por parte do consumidor, abriron camiño para o resto de alimentos. Nos anos 90 créanse as certificacións de denominación de orixe protexida (DOP) e indicación xeográfica protexida (IXP) que pasan a substituir as antigas DO dos viños.
A partir dese momento comezan a certificarse máis producións, e de feito, xorden máis viños distinguidos, de producións máis pequenas que adoptan a denominación de IXP. Moitas recorren á antiga denominación de "Viños da Terra", para evocar precisamente a eses viños artesanais moi ligados ás uvas propias de cada zona. Este dato, o da acotación das variedades coas que se poden traballar, e algo que comparten tanto DOP coma IXP. Nas súas normativas internas relátanse con que e como se debe elaborar o caldo. As IXP de viños que atopamos en Galicia son: Viños de Betanzos, Viños da Terra do Barbanza e Iria, Viños da Terra Val do Miño-Ourense e por último, Ribeiras do Morrazo.
Pero se seguimos pensando en bebidas alcohólicas, non podemos esquencernos que a maioría das bodegas aproveitaban o subproducto do viño para facer augardente. E con esta como base, faise tamén o licor de herbas e o licor café. A día de hoxe podemos atopalos con tódalas garantías dunha producción moderna e hixiénica que segue a evocar o xeito artesán co que se facían antigamente. Están certificadas pola IX Licores e Augardentes tradicionais de Galicia.
Se seguimos coa nosa ruta polos certificados galegos, temos que facer unha parada obrigatoria no primeiro pan certificado de Europa: a IXP Pan de Cea. Este pan chegou a ter unha marca de calidade que fidelizaba a un cliente que debecía por poder gozalo fóra das nosas fronteiras.
Si o pan xa era bo, exquisito, coa IXP conseguiron unificar os criterios de tódolos fornos de Cea de tal xeito que fose semellante en peso, apariencia e incluso a mesma receita para todos.
A finais do ano 2019, a IXP Pan Galego/Pan Gallego sumouse ao rexistro de indicacións xeográficas protexidas. Este ten unha área de fabricación tan ampla, que abarca toda a Comunidade Autónoma de Galicia, e ten unhas características específicas que os diferencian doutros pans. Hai catro tipos de Pan Galego: o "bolo" ou a "hogaza", o "roscón", a "bola" ou "torta" e a "barra".
Seguindo con fornos, temos a IXP Tarta de Santiago, que igual que o pan, unificou receitas e tamaños, de tal maneira que garante que a torta baixo esta denominación, teña unha boa calidade. Os seus compoñentes básicos son améndoas, azucre e ovo nas proporcións que indica o prego. Existen dúas presentacións básicas: torta forrada, é dicir, con base, e torta sen forrar.
Con pan e viño faise o camiño! Que dicía o refraneiro popular. Pero nós temos moito máis para facer esta andura. Produción de vexetais, por exemplo.
A pataca é un ingrediente imprescidible dentro da nosa cultura, e precisamente para poñela en valor, temos unha IXP que nos garante que esa pataca é producida en Galicia e segundo o regulamento do consello regulador. A área de produción e envasado do produto amparado pola indicación xeográfica protexida abarca toda a comunidade autónoma e recentemente foron incorporadas, ademais da Kennebec, as variedades autóctonas "Fina de Carballo" e "Agria".
Pásanos o mesmo cos grelos e coa castaña, esta última case máis apreciada fóra que dentro da nosa rexión. Para que cumpra ese estándar de calidade, a IXP certifica que cumpre coas variedades, orixe da produción, tamaño e calidade no seu tratamento. A castaña de Galicia é orixinaria da parte oriental da nosa comunidade mentres que os grelos teñen como zona de produción todo o noso territorio. As variedades que están reguladas pola IXP son as de "Grelos de Santiago" e "Globo branco de Lugo", variedades moi representativas da nosa gastonomía. Pódense comercializar en fresco, conxelados e en conserva.
Mención aparte merece a IXP Fabas de Lourenzá. Esta certificación supuxo a consolidación no mercado dunha variedade tradicional recuperada. A súa zona de produción abarca o territorio comprendido poal Marila Lucense a cal engloba os municipios de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove.
Pero os froitos máis coñecidos da horta de Galicia, son sen dúbida os seus pementos. Aínda que temos unha das DOP máis antigas, a de Pemento de Herbón, contamos ademais con catro IXPs de pementos: Pemento de Oímbra, Pemento do Couto, Pemento da Arnoia e Pemento de Mougán. Todas elas formadas por variedades tradicionais que grazas a estas certificacións, chegan aos nosos pratos e non esmorecen no esquecemento. A certificación de calidade distinguida que poseen estas variedades, garántenos dende a tempada na que os podemos atopar á venda, que tamaño teñen que ter, cal é a súa morfoloxía e tamén as súas propiedades organolépticas.
E de carnes? Galicia é unha grande produtora de gando, e iso é en parte debido aos nosos pastos. Temos unha fama recoñecida en todo o mundo.
Dentro da nosa produción cárnica, podemos atopar una das primeiras certificacións: IXP Vacún de Galicia. Esta supuxo estandarizar os sistemas produtivos deste tipo de carne de tenreira, criada con variedades propias e alimentada con leite materna ata polo menos os seis meses de idade. Recentemente o consello medrou e desenvolveu outro selo para as reses máis vellas: "Vaca galega, Boi Galego". Deste xeito podemos estar seguros da procedencia e das boas praxes de crianza, sexa quen sexa o gandeiro co que tratemos.
E se é famosa a nosa tenreira, tamén o son os nosos porcos, e sobre todo os seus lacóns, sen olvidarnos do famoso Capón de Vilalba. A calidade da produción destes dous produtos, está garantida polas súas correspondentes IXP, que marcan dende o peso que teñen que ter, ata a alimentación ou o método de cría.
E de postre? Queixo con Mel!! Poucas combinacións son mellores ca esta para a sobremesa. A mel de Galicia é unha delicia dunha extraordinaria calidade. Producida en grande medida en zonas de montaña, recolle no seu consello varios tipos de meles en función da súa procedencia: mel multifloral, monofloral de castiñeiro, mel monofloral de eucalipto, mel monofloral de silva e mel monofloral de breixo. O máis importante é que, comparada con outras meles que podemos atopar no mercado, é mel pura filtrada. Sin máis!
E por último, outro clásico da nosa gastronomía: os queixos con denominación de orixe. A falta de un, temos catro tipos certificados: DOP Queixo Tetilla, CRDOP San Simón da Costa, DOP O Cebreiro e DOP Arzúa-Ulloa. Cada un é representativo da súa contorna, coa súa forma e gusto, pero todos eles comparten nas súas normativas unhas boas praxes como por exemplo: estar feitos con leite de pastoreo; empregar só leite 100% galega, sal, soro e estar libres de calquera aditivo ou sustancia engadida a maiores. Todos eles posúen un elevado valor nutritivo e son aptos tanto para os máis pequenos como para os adultos.
Estas son as certificacións de calidade diferenciada que podemos atopar nos produtos galegos, pero para completar esta lista, debemos falar tamén da produción ecolóxica.
Este tipo de produción garante un alimento libre de insumos de síntese química, unha boa calidade de vida do animal, así coma un control exhaustivo da súa medicación. Dentro desta produción podemos atopar casi toda clase de alimentos, dende produción cárnica, acuicultura, horta e produtos de quinta gama coma postres, lácteos, cafés ou infusións.
Ámbolos dous tipos de certificados, os de calidade diferenciada (DOP e IXP) e os ecolóxicos, completan os chamados certificados de calidade e son complementarios. Uns fan referencia á orixe do alimento e á súa ligazón coa historia e a cultura, e outros refírense á metodoloxía coa que se producen. Non é inusual, de feito, atopar dentro dun consello regulador, parte da súa produción en ecolóxico.
Sexa como sexa, escollamos o certificado que escollamos, estas 36 variedades garántennos que estamos consumindo un produto cunha garantía de calidade que nos fará vivir unha boa experiencia gastronómica.
Referencias https://experienciasdecalidade.xunta.gal/es, Doga.
0 comments :
Publicar un comentario