1500 convivium
en todo o mundo
Home » , , » Antonio Saborido: "Os meus viños son de variedades autóctonas das que queda moi pouca cantidade"

Antonio Saborido: "Os meus viños son de variedades autóctonas das que queda moi pouca cantidade"

Antonio Saborido está ao frente de Bodegas Antonio Saborido, dentro da IXP Viños da Terra do Barbanza e Iria. De ser unha adega tradicional ao uso ata o ano 2007 na cal se vendía a produción caseira de viño, como en moitas das casas veciñas, sofre a partir deste ano unha profunda transformación para modernizar e profesionalizar a produción vinícola, mantendo a esencia do tradicional pero garantindo que durante o proceso produtivo non se alteren dalgunha maneira os sabores e matices do viño. 


- Cando comezaches con isto?

Nós levamos toda a vida. Xa antes de meus pais había bodega na casa. Eu anduven sempre no mar e cando me detectaron unha fibrilación no corazón non me volveron deixar embarcar. Entón boteille unha man a meus pais e púxena a andar no ano 2007, cando se fixo a I.X.P. Viños da Terra do Barbanza e Iria”.


- Que che diferencia dos demais?

Principalmente os meus viños son de variedades autóctonas dos que queda moi pouca cantidade. Teño o Raposo, de máis de 100 anos de antigüidade, que conseguimos entre varios que se puxese incorporado nas clases autóctonas. Durante 7 ou 8 anos estuvemos facendo micro-vinificacións na estación enolóxica de Leiro, en Ribadavia, para saber os caracteres organolépticos da uva. Despois MBG e a EVEGA levaron mostras e foron os que comentaron os anos que tiñan estas cepas. Esta variedade haina aquí, en Paderne e tamén en Negueira de Muñiz (na Fonsagrada). Nos demais lugares desapareceu coa filoxera ou cortárona.

Os viños da IXP Viños da Terra do Barbanza e Iria son menos ácidos, teñen unha maduración máis temperá”.


- Estas variedades minoritarias poñédelas en valor?

Claro que o facemos, pero hai que ser perseverante. Ten que axudarche un banco de xermoplasma. Nas botellas tamén o reflexamos na etiqueta. Aínda temos variedades que se están estudando pero non se sabe o que son porque non existe a suficiente cantidade para facer un estudo organoléptico. Aquí perdéronse algunhas delas por este motivo ou porque coincideu que morrera a cepa. E outras están por estudar e catalogar, como son o negrón e máis o castro, que aquí teñen ese nome".


- Por que optaches pola IXP Viños da Terra?

Nós non optamos, máis ben a fundamos. Por cuestión políticas, deixáronnos fora da D.O. Rías Baixas e nós estamos no centro delas. Rías Baixas non é Tomiño, nin O Rosal, nin a ribeira do Ulla. Rías Baixas son estas, pero naquel tempo, repito, por cuestións políticas, non se levaban ben os da parte norte cos da parte sur, deixáronnos fóra. Fixeron o mesmo con Valga e Catoira que están dentro da provincia de Pontevedra. Saltáronas e pasaron á zona de Padrón. Iria tamén quedou fóra. Nós quixemos facer a I.X.P. para demostrar que os viños daquí eran bos porque de feito, a comezos de século onde había viños era nesta zona, non en Cambados (as viñas son todas novas). A Carragueiros, Barraña e Mañóns, viñan os barcos; os carros das vacas levaban os perfias, os tercios e as medias pipas e o barco iba para a zona de Cambados, Vilanova, Vilagarcía… onde só había nesa época leitugas e repolos. Ao deixarnos fóra, e como tiñamos viñas, optamos por facer unha certificación para nós.

Coa IXP sempre tes un paraugas. Un viño certificado é un viño de maior calidade xa que tes que cumprir uns parámetros establecidos”.


- A quen lle vendedes principalmente? A quen vai dirixida a vosa produción?

Eu vendo a clientes que teño de toda a vida e despois por aquí, nos bares, restaurantes, vinotecas”.


- Que tal no confinamento? Como foron as vendas?

A min foime ben porque me aguantaron os clientes da casa e outros que viñeron novos procedentes dos bares”.


- E como vos vai actualmente?

Empezou arrancando bastante ben pero agora xa se parou outra vez”.


- Para rematar… estades facendo algún tipo de campaña en común as bodegas que estades dentro desta IXP?

Facemos algunha a través da Mancomunidade Arousa Norte e logo cada un por separado”.


OBXECTIVOS DE DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

As producións certificadas coa IXP Viños da Terra, como Bodegas Antonio Saborido, fan as seguintes aportacións para acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU:

Axudan a acabar coa fame (ODS 2) xa que...

2.3 Axudan a mellorar a produtividade agrícola e os ingresos dos pequenos produtores alimentarios, en particular os dos agricultores familiares, aportando recursos, coñecementos e xerando mercados e oportunidades de valor engadido para a súa produción.

2.5 Axudan a conservar a diversidade xenética das variedades tradicionais de uvas da rexión, estando acotada a produción do viño que pode producirse amparado pola súa normativa interna. 

Loitan por un traballo decente e un crecemento económico (ODS 8):

8.2 Aumentan a produtividade da súa empresa empregando sistemas de modernización tecnolóxica e innovadores.

8.3  Promoven políticas orientadas ao desenvolvemento que apoian aas actividades produtivas, a creación de postos de traballo decentes, o emprendemento, a creatividade e  a innovación, e fomentan a formalización e o crecemento das micro, pequenas e medianas empresas.

8.9 Promoven o turismo sostible, baseado no atractivo enolóxico, que pon en valor a cultura e os produtos locais da súa zona. 

Axudan a construír cidades e comunidades sostibles (ODS 11), xa que...

11.4 Axudan a protexer e salvagardar o patrimonio cultural e natural do mundo ao traballar na conservación das variedades tradicionais e as técnicas tradicionais asociadas ao seu manexo. 

11.a Apoian os vínculos económicos, sociais e ambientais positivos entre as zonas urbanas, periurbanas e rurais fortalecendo a planificación do desenvolvemento rexional xa que manteñen vivo o rural e abastecen de alimento as cidades próximas.

Favorecen a produción e consumo responsables (ODS 12):

12.5 Tratan de minimizar os refugallos que son xerados pola súa actividade mediante a reutilización dos sobrantes, como a poda para facer compós, ou o bagazo reintroducido na cuba de fermentación. 

12.b Favorecen a elaboración de ferramentas para fomentar o desenvolvemento sostible, xa que facilitan unha localización exacta da produción e xeran un turismo sostible na contorna que promove o patrimonio cultural e os produtos locais.  

SHARE

About Leo

0 comments :

Publicar un comentario