1500 convivium
en todo o mundo
Home » » O Millo na Cultura Galega

O Millo na Cultura Galega

Coas grandes navegacións do século XVI e o inicio do proceso de colonización de América, o cultivo do millo expandiuse cara outras partes do mundo. Foi traída a Europa por Cristóbal Colón en 1492 e a primeira referencia do seu cultivo en Galiza data de 1610, na zona do Barbanza. O novo millo veu substituír ao antigo, que hoxe recibe o nome de millo miúdo ou paínzo, e que se viña cultivando e secando en hórreos e celeiros en Europa dende a antigüidade.

Impulsado polos campesiños, o millo transformou a paisaxe agraria e o sistema alimentario das aldeas nas que se xeneralizou, a pesar do seu escaso aprecio social (fontes monásticas poñen de manifesto que só consumían o cereal americano aquelas familias que non tiñan suficiente centeo).
Fonte: Migallas Teatro

Ca introdución nos anos 70 de variedades híbridas, con rendementos máis elevados, foise abandonando o cultivo de variedades do país, poñendo en perigo a súa supervivencia. 

Unha vez que sabemos como chegou a Galicia, queremos contarche algunhas cousas curiosas sobre o millo e o seu impacto na nosa cultura. Comezamos!!

1. As "Espigas namoradas" ou "Millo pego son aquelas que teñen grans de millo doutra cor. Isto pasa porque ao seu lado se cultivaba outra variedade e acabaron cruzándose. Os que máis resaltan nas espigas, son os grans de millo Corvo como vedes na imaxe.


2. Se o que che preocupa é a saúde, xa o sabes: o millo, máis san canto máis escuro. Unha vez máis, a ciencia entra en contradición con algunha das crenzas máis habituais. Un estudo da Misión Biolóxica de Galicia (MBG) desvela que existe unha relación directa entre a intensidade da cor do gran de millo e os seus compostos beneficiosos para a saúde, como as antocianinas e os carotenoides. Canto máis escuro, máis compostos antioxidantes. Nese sentido, a variedade Meiro, popular pola Feira do Millo Corvo, presenta unha riqueza alimenticia que sería interesante explorar, en opinión dos investigadores. 


3. A plantación de millos híbridos aumenta as producións nun 25 a 30 por 100 con respecto aos denominados millos do país. Por este motivo, as variedades tradicionais case desaparecen. Pero que valor engadido achegan estas variedades con respecto á híbrida americana? Presentan unha mellor textura e sabor que os híbridos comerciais. Con todo, o seu rendemento é menor, polo que probablemente o produto será un pouco máis caro, aínda que estará avalado pola garantía de calidade.

Pero a pesar disto que vos acabamos de contar, aínda se conservan variedades con características propias en moitas localidades.


4. Na costa, o millo converteuse no cereal panificable pola súa capacidade de producir un pan que os mariñeiros puideran levar nos barcos sen perder as súas cualidades durante bastante tempo. Por iso, as variedades da costa galega son brancas.

Na penillanura, que comprende a maioría das provincias de Pontevedra e A Coruña, cultivábase centeo para facer o pan. O millo era fundamentalmente penso para o gando e neste caso as variedades amarelas son máis vantaxosas. 

Nas terras altas do interior, fundamentalmente en Lugo e Ourense, o ciclo vexetativo é máis curto, polo que as variedades teñen que ser máis precoces. Ademais, os outonos son máis secos que nas provincias atlánticas polo que o zuro pode ser máis groso e así soportar máis filas de gran. 

Este esquema xeral ten numerosas excepcións xa que é frecuente atopar variedades doutros tipos, por exemplo multicolores, en zonas de millo branco ou amarelo.


5. A esfolla (acción de desfollar) era unha verdadeira festa na aldea, na que o grupo de parentes e veciños reunidos se adicaba, entre bromas, a quitarlle as follas ás espigas. Ían separando as espigas amarelas das brancas, e cando algún atopaba unha de cor morada (chamada "Espiga reina” nunhas zonas e “rei” noutras) quedaba como o rei da festa mentres que alguén non atopara outra. A crenza xeneralizada era que atopar unha “reina” traía sorte.

Tamén daba boa sorte cando aparecían varias espigas agrupadas dentro dun mesmo follato. Chamábanse "Espigas das Ánimas".


6. O millo fixo evolucionar os hórreos galegos. Deulles unha monumentalidade que non teñen noutras rexións de Europa onde son tamén un elemento característico da paisaxe tradicional.  Os hórreos de Lira e Carnota, de Ozón ou do Araño, ou os de Combarro, fan imaxinar abundantes colleitas de millo na Galicia litoral que é onde este cultivo atopou o seu mellor sitio. Nas comarcas do interior onde a produción era máis escasa, o habitual era facer ristras coas espigas que se poñían a secar no corredor da casa.
Hórreos da Lavandeira (Imo-Dodro)

7. As espigas podían debullarse á man ou mallarse, ben golpeando as espigas en sacos vellos ou utilizando un aparello chamado “carro”, unha especie de caixa feita de castiñeiro coas táboas algo separadas e montada sobre catro pés. Para mallar poñíase unha manta por debaixo do carro e sobre el botábanse as espigas. Dábanselle uns golpes cus paus curvos e os grans caían, a través dos orificios, sobre a manta.


8. Nas zonas vitivinícolas, o que predominaba eran as bodegas. Nas comarcas da Galicia interior, máis gandeiras, máis de centeo, o millo non se daba ben. A colleita era pequena, e moitos preferían secalo como se ve na foto, en ristras trenzadas. Co inconvinte, eso si, de ter que poñer as espigas a cuberto nos días de choiva.


A primeira fotografía é en Monforte no 1930 (fonte: Galicia Agraria) e a segunda en Riotorto. Nas dúas vemos como secan o millo colgándoo a falta de hórreo.

9. Co millo facíanse as únicas monecas que tiñan as nenas pobres para xogar...


10. ...e tamén se usaba, como non, para descansar, xa que con el facían xergóns para as camas. Facían unhas fundas de tea e enchíanas de follas de millo secas. Para facer un xergón precisábanse moitas follas. Dun ano para outro as follas gastábanse, e entón o que facían, se tiñan dous xergóns, era encher coa folla dos dous un, ou xuntar a folla vella coa nova. 



11. Tamén se aproveitaban as follas para facer disfraces no entroido, como por exemplo o da foto.


12. Existen 5 variedades de conservación incluídas no rexistro de variedades comerciais:

Tuy (BOE 24 de febrero de 2009)
Ribadumia (BOE 24 de febrero de 2009)
Rebordanes (BOE 24 de febrero de 2009)
Sarreaus (BOE 24 de febrero de 2009)
Bibei (sin. Viana) (BOE de 30 de noviembre de 2009)


13. Na leira do millo poñíanse uns espantallos e unhas tarabelas para espantar os paxaros, principalmente os corvos, para que non foran comelo e tamén queimábanse trapos vellos nos balados da leira pra que o porco teixo non se achegara a él, pois non soportaban o cheiro que producían.


14. Máis de 1.200 produtos vendidos nos supermercados inclúen un ou varios ingredientes derivados do millo.


15. Ao ser unha pranta tan importante na nosa cultura, creouse un rico vocabulario e unha abondosa literatura popular: refráns, ditos, cantigas, adiviñas e lendas.


Refrán: "Non caves o millo con néboa, que como está, así queda"
Adiviña: "Ten barbas e home non é; ten dentes e non pode comer" (O millo)


E rematamos o artigo con unha Cantiga

"Sachade ben sachadoras, 
sachade ben o meu millo;
se non queda ben sachado,
¿Que farei pró San Martiño?

Sei cantar e sei bailar, 
todo se me da na man
tamén sei cavar o millo
alá en chegando San Xoán.

Ata a folliña do millo
sabe tamén picardía,
garda do orballo da noite
para beber polo día"



SHARE

About Leo

0 comentarios :

Publicar un comentario