Slow Food Compostela organizou o pasado 7 de novembro o I Roteiro do proxecto «Ferrolterra, produto e territorio», unha xornada na que cinco creadores de contido especializados en gastronomía, turismo e viaxes coñeceron diferentes iniciativas dos concellos de San Sadurniño e Moeche. A actividade forma parte dun proxecto financiado pola Deputación da Coruña a través do programa DP0030/2026.
O pasado sábado 7 de novembro celebramos o primeiro dos roteiros de «Ferrolterra, produto e territorio», unha iniciativa coa que queremos dar a coñecer a riqueza gastronómica e produtiva da comarca, poñer en valor os seus produtos locais e dar protagonismo ás persoas que traballan cada día para manter vivo o seu tecido agroalimentario.
Nesta primeira experiencia contamos coa participación de 7️⃣ persoas creadoras de contido especializadas en 𝐠𝐚𝐬𝐭𝐫𝐨𝐧𝐨𝐦𝐢́𝐚, 𝐭𝐮𝐫𝐢𝐬𝐦𝐨 𝐞 𝐯𝐢𝐚𝐱𝐞𝐬: Carmen (@guisandomelavida), Juan (@elhambreconlasganasdebeber), Almudena (@entreplanesyvino), Inma (@aworldtotravel), Itsu (@itsuko.galiciaguide), Agustín (@viajaragusto.es) e Alberto (@alvientooo). A súa participación contribueu a dar visibilidade ao produto local, ás iniciativas visitadas e ao potencial turístico e gastronómico da comarca.
Ao longo da xornada percorremos diferentes espazos dos concellos de San Sadurniño e Moeche, achegándonos á produción gandeira, ao patrimonio natural, á restauración tradicional e a novos modelos de transformación agroalimentaria. Cinco paradas que nos permitiron coñecer realidades moi diferentes, pero cun elemento en común: o seu vínculo co territorio e co aproveitamento dos recursos locais.
Granxa A Esperanza: da produción de leite a Bico de Xeado
A primeira visita levounos á Granxa A Esperanza, en San Sadurniño, unha explotación gandeira pertencente á Cooperativa Agraria Provincial da Coruña, vinculada tamén á coñecida marca Bico de Xeado. Alí coñecemos de primeira man o funcionamento dunha explotación especializada na produción de leite, as particularidades da súa cabana gandeira de raza Jersey e o traballo que existe detrás dunha materia prima fundamental para a elaboración dos seus xeados artesanais. Un bo exemplo de como a actividade gandeira e a transformación alimentaria poden contribuír a xerar valor arredor dun produto de proximidade.
Arboreto de San Sadurniño: conservación da biodiversidade
A seguinte parada levounos ao Arboreto de San Sadurniño e á Horta de Conservación de Froiteiras Autóctonas Carlos Fornos, dous espazos situados na área da Cortiña que constitúen un exemplo de recuperación e posta en valor do patrimonio natural e agrícola da comarca. Alí puidemos coñecer a riqueza das variedades tradicionais de mazás, peras e outras froitas do país, moitas delas pouco coñecidas, cuxa conservación resulta fundamental para preservar a biodiversidade e os sabores propios do territorio.
Tamén nos achegamos ao mundo da apicultura e á importancia das abellas, tanto pola produción de mel como polo seu papel esencial na polinización das árbores froiteiras. Este traballo conta coa colaboración da Asociación Galega da Froita Autóctona do Eume (AGFA) e da Asociación Casa do Mel, que contribúen á conservación das variedades tradicionais e á divulgación da actividade apícola.
Trátase dun conxunto de iniciativas impulsadas polo Concello de San Sadurniño, que contaron tamén co apoio económico da Deputación da Coruña e doutras entidades, e que amosan como a recuperación da biodiversidade, a produción alimentaria e a educación ambiental poden ir da man, xerando novas oportunidades para o territorio
Gandería Mar Rego Vilasuso: a importancia da gandaría local
Continuamos o roteiro na Gandería Mar Rego Vilasuso, onde tivemos a oportunidade de coñecer o traballo dunha explotación dedicada á cría de gando vacún de raza Rubia Galega. A visita permitiunos descubrir a realidade da actividade gandeira, o coidado dos animais e a importancia de manter un tecido produtivo local que contribúa á economía e á vida do rural.
Restaurante Casa Pena: tradición gastronómica e produto local
Xa no concello de Moeche, fixemos unha parada no Restaurante Casa Pena, un establecemento de referencia na gastronomía tradicional da zona. Alí puidemos comprobar o papel fundamental da restauración na posta en valor dos produtos locais. Os restaurantes son un escaparate privilexiado para achegar os alimentos do territorio ás persoas consumidoras e visitantes, pero tamén poden converterse en aliados fundamentais das pequenas explotacións e empresas agroalimentarias da súa contorna, como é neste caso.
A Fusquenlla: novas oportunidades para transformar os produtos do territorio
A última visita levounos ao Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla, un espazo de transformación compartida que ofrece novas oportunidades ás pequenas producións locais. A través das súas instalacións, os produtores e produtoras poden transformar e dar valor engadido ás súas materias primas, favorecendo o aproveitamento dos recursos, a diversificación da actividade económica e a comercialización de produtos elaborados no propio territorio.
Este primeiro roteiro permitiunos amosar unha pequena parte da diversidade de Ferrolterra, unha comarca na que conviven actividades agrícolas, gandeiras, mariñeiras, artesanais e de restauración que conforman un patrimonio gastronómico cun enorme potencial.
O obxectivo do proxecto non é unicamente promocionar os produtos locais ou atraer visitantes, senón tamén achegar o sector da restauración ao tecido produtivo da comarca. Queremos favorecer que os restaurantes coñezan mellor quen produce na súa contorna, que os produtores poidan atopar novas oportunidades de comercialización e que se establezan relacións de confianza e colaboración que contribúan a fortalecer a economía local.
Neste sentido, os roteiros con creadores de contido son unha ferramenta para levar estas historias máis alá do territorio. A través das súas publicacións, fotografías e vídeos, podemos achegar a novos públicos o traballo que existe detrás de cada produto, as persoas que o fan posible e as experiencias que ofrece Ferrolterra a quen queira descubrila desde unha perspectiva gastronómica.
«Ferrolterra, produto e territorio» é un proxecto executado por Slow Food Compostela e financiado pola Deputación da Coruña no marco do programa DP0030/2026. Grazas a este apoio, estamos desenvolvendo diferentes actuacións de acompañamento ao tecido produtivo e á restauración, formación, promoción e dinamización do territorio, co propósito de reforzar os vínculos entre os diferentes axentes da cadea alimentaria e contribuír a un modelo gastronómico máis sostible e de proximidade.
Porque detrás de cada produto hai persoas, detrás de cada prato hai unha historia e detrás de todo iso hai un territorio que merece ser coñecido, valorado e apoiado.
📢 O proxecto nos medios:










0 comments :
Publicar un comentario