1500 convivium
en todo o mundo
Home » » Eco Experiencia por A Coruña

Eco Experiencia por A Coruña

Baixo o lema “Vive e coñece a produción ecolóxica de Galicia” fixemos a segunda viaxe durante toda a fin de semana, para gozar dun roteiro que nos levou, unha vez máis, a coñecer produtores e elaboradores ecolóxicos ao longo da provincia de A Coruña.


En pleno "boom" da comida que se vende como “sa, natural ou sostible”, atopámonos cun bombardeo de produtos que nos prometen propiedades que non sempre poden cumprir. Que nos pode asegurar que un alimento sexa ecolóxico, que minimice o impacto negativo da produción e garántanos a súa salubridade? Un certificado de agricultura ecolóxica.

Actualmente, este tipo de certificados veñen avalados pola lexislación europea e son os países, ou no noso caso as comunidades autónomas, as encargadas de velar porque as producións adscritas a este selo cumpran con todas as esixencias. É por iso, que o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, CRAEGA, quérenos levar de visita a varias das súas explotacións para ensinarnos, de primeira man, que teñen de singulares e cal é a diferenza que marca a súa calidade final.



Sábado pola mañá: 

Partimos desde Compostela rumbo a Paderne onde fixemos a primeira parada nunha produción moi especial: Orballo. Infusións, especias e té ecolóxico que son resultado dun proxecto que arrinca alá polo 2012 na comarca de “As Mariñas”. Comezaron a cultivar e volver poñer en valor especies como castaños, avellanos, nogueiras e múltiples plantas aromáticas. Saben o bo que é para o noso corpo e a nosa saúde consumir produtos naturais, por iso asegúranse de que en Orballo non entren pesticidas, herbicidas ou químicos de sínteses que son tan prexudiciais para a saúde.




Seguindo coa agricultura ecolóxica, a nosa seguinte parada foi Seitura Eco, en Paderne tamén. Mónica, unha produtora local, ten coma obxectivo conseguir alimentos de alta calidade, orgánicos e sostibles. Cre que a súa principal responsabilidade é a de rexenerar a nosa paisaxe, incorporar procesos que constrúan chans ricos e que xeren ecosistemas. Para iso ten case 2 hectáreas nas que establece a súa horta, árbores froiteiras, unha granxa de pitos artesanais de Mos e outras estruturas como compostadores, almacéns, espazos de limpeza e o viveiro onde producen a súa propia planta.




Mónica fíxonos unha degustación de diferentes variedades de tomates dos que ela cultiva que fixeron as delicias dos asistentes os cales puideron apreciar os diferentes matices e sabores de cada unha delas.


Sábado mediodía:

Tivemos o privilexio de comer na Artesa da Moza Crecha un menú composto de hortalizas, carne e tamén viños, licores, infusións... todo en ecolóxico, un restaurante situado a escasos metros do centro do casco histórico da vila medieval de Betanzos. Coa máxima de "Innovación na Tradición", Lolo Mosteiro e Paula Martínez dirixen este establecemento no que se combina orixinalidade con cociña tradicional e cociña de autor. Produtos galegos, verduras, carnes e peixes da comarca e viños, son algúns dos moitos produtos da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras  do Mandeo que se poden degustar na Moza Crecha, xa que para a elaboración das súas exquisitas receitas utilizan produtos de proximidade e de Km 0.



Entre os pratos que puidemos degustar había tortilla de Betanzos ecolóxica, empanada de algas, mariñeiras de hummus de remolacha, mariñeiras de steack tartar, mexillón eco en escabeche verde de alga, snacks de chips de verduras... e trufas de cacao e alga nori, todo elo en ecolóxico.


Sábado pola tarde:

Despois de coller forzas para seguir co roteiro, dirixímonos á Casa Grande de Xanceda, en Mesía. Que podemos dicir que xa non saibades? Son unha granxa familiar ecolóxica onde coidan de máis de 300 vacas. Co seu leite elaboran produtos lácteos. Teñen 200 hectáreas de prados e bosques autóctonos onde as súas vacas pasean e pacen libremente todos os días. As súas vacas non son unhas vacas calquera porque... son vacas ecolóxicas!!





Domingo pola mañá:

Unha vez asimiladas todas as experiencias do día previo, arrincamos cara a Granxas de Lousada onde nos recibeu Sergio Boado. Por motivo da crise, el e a súa muller, lanzáronse a un proxecto de produción ecolóxica e de venda directa ao consumidor. Pero non empezaron de cero xa que Dores viña dunha familia que tiña unha explotación de vacas leiteiras e eles reconvertérona na actual granxa de produción ecolóxica. Teñen unha superficie en monte de 30 hectáreas e recuperaron terra arable. O terreo está xestionado baixo criterios ecolóxicos, no que se trata tamén de recuperar tanto prados de pasto como bosques.




Unha vez terminada esta visita, desprazámonos ata Cerceda para visitar a Horta da Lousa, unha empresa familiar que combina un viveiro con certificación ecolóxica cunha horta Km 0 de produtos frescos, saudables e de calidade. Contan coa última tecnoloxía para garantir en cada momento que todo medre nas mellores condicións. Porque só hai un segredo para obter alimentos coma os de antes: cultivar como antes. Redescubrir sabores esquecidos é posible! Néstor Liñares é o seu xerente, a segunda xeración dun proxecto que comezou alá polo ano 1989 cos seus pais.





Domingo mediodía:

Terminamos o noso periplo pola provincia de A Coruña no Fogar do Santiso (en Teo) onde degustamos, do mesmo xeito que na Artesa da Moza Crecha, máis produto certificado en ecolóxico polo Craega


Ademais dos produtores e elaboradores que visitamos in situ, demos a oportunidade de que todo aquel que fora operador do Craega puidera enviar os seus produtos para expoñelos nun bodegón nos restaurantes. Queremos darlle as grazas a Cafés Candelas, Jamones González, The Bio-Factory, Aceites Figueiredo, Refix, Toca Honey, Algas Algamar, Corga Brancellao que formaron parte do bodegón que expuxeños na Artesa da Moza Crecha e que foi a parar a mans da nosa deportista invitada, Teri Portela, como mostra de agradecemento por dar visibilidade á iniciativa e acompañarnos durante toda a fin de semana.



No segundo bodegón exposto no Fogar do Santiso, en Teo, colaboraron: Puleva, Mieles Anta, Capitán Alga, e Albariño Señorío de Rubíos. Este lote sorteouse entre os asistentes e a gañadora foi María José Basanta, de Laurel y Canela


Esta visita estivo pechada a un grupo reducido de Influencers profesionais formado por Alvientooo, El Hambre con las ganas de beber, Laurel y Canela, De Lima a Limón, VicocinillasEstanisochoa, Joaquín Monge (@jmongebravo) e Jorge del Río (@of_the_river), que deron visibilidade a esta iniciativa do Craega (Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia) organizada por Slow Food Compostela.


Tamén contamos, unha vez máis, co perfil dunha deportista galega de renome como foi Teri Portela, recentemente chegada dos Xogos Olímpicos de Toquio onde acadou a medalla de prata. Veu acompañada do seu home David Mascato, o cal participou nos Xogos Olímpicos de Sídney 2000 e Atenas 2004.​ Porque unha alimentación saudable ten que ir ligada a uns hábitos de vida tamén saudables e quen mellor para contalo que os nosos deportistas.


Vémonos na seguinte Eco Experiencia que será pola provincia de Lugo os días 9 e 10 de outubro.

SHARE

About Leo

0 comments :

Publicar un comentario