1500 convivium
en todo o mundo
Home » » As Vacas da Ulloa

As Vacas da Ulloa

As Vacas da Ulloa SCG é unha cooperativa de traballo asociado que nace co obxectivo de desenvolver un proxecto de envasado, procesamento e comercialización de leite e produtos derivados, baixo a certificación ecolóxica. As súas instalacións atópanse na aldea da Cernada, no municipio de Palas de Rei (Comarca da Ulloa).

Os impulsores desta iniciativa son dúas familias gandeiras que xestionan dúas explotacións dedicadas á produción de leite ecolóxico: Granxa A Cernada e Granxa Maruxa, ámbolos dous emprazamentos na comarca da Ulloa. En  Cernada levan case 20 anos facendo agricultura e gandería ecolóxica, coa firme convicción de que o modelo de produción de alimentos debe ter un impacto positivo no territorio, facendo un uso racional dos recursos e promovendo a conservación da biodiversidade que nos rodea. Son un total de 4 socios, que decidiron asumir o reto de pechar o ciclo produtivo para tentar asegurar o futuro dos seus proxectos a través da creación de valor engadido.


Teñen a vontade e o firme compromiso de defender o mundo rural e agrícola desde a formación, desde a xeración de valor engadido sobre os piares da ecoloxía e a sustentabilidade, e sempre, desde iniciativas cos pés e o corazón no pobo. E entenden que para lograr estes obxectivos é fundamental conectar a produción cos consumidores, xerando unha complicidade que realmente poida transformar o modelo de consumo actual.

E todo sen saír do pobo e sen afastarse da leira e das súas vacas.


OS SEUS PRODUTOS...

Cos pés e o corazón na aldea, nace o leite SEN MÁIS. Por que este nome? Porque son gandeiras, esa é a súa natureza, e dun acto tan cotiá como coidar e muxir as súas vacas, obteñen un produto único: simplemente leite. E non podía ser doutro xeito, branco e en botella de vidro, para que chegue á xente conservando toda a esencia desa terra, a comarca da Ulloa, corazón de Galicia. 

As propiedades organolépticas e as características do seu leite ecolóxico responden a un modelo de gandería sostible baseada no pastoreo diario. Unha alimentación 100% ecolóxica e unha rutina marcada polo benestar do animal tradúcense directamente nunha materia prima de calidade e sabor diferenciados. Un produto fresco, ecolóxico, con tódalas garantías hixiénico-sanitarias grazas á pasteurización que realizan inmediatamente despois de muxir. Este lixeiro tratamento térmico permítelles garantir a súa seguridade respectando as cualidades e o sabor do leite acabado de muxir. O leite de sempre, SEN MÁIS!

E dende agora, tamén son Slow Food 👏👏👏👏


DATOS DE CONTACTO:
As Vacas da Ulloa SCG
A Cernada, nº1 Augasantas
27205 Palas de Rei – Lugo
Teléfonos: 982096038 - 676332262
E-mail: info@senmais.gal
Instagram: @sen.mais


SHARE

About Leo

0 comments :

Publicar un comentario