1500 convivium
en todo o mundo
Home » , » Evento Gastroliterario Mel de Galicia

Evento Gastroliterario Mel de Galicia

O vindeiro venres 15 de xaneiro, celebrarase unha pequena “Merenda Literaria” co Mel de Galicia como fío condutor. Este evento, promovido pola IXP Mel de Galicia, dará comezo as 18,30 horas e arrincará coa presentación da nova novela histórica de Francisco Narla: Fierro. O autor adéntrase nunha viaxe pola apicultura na época medieval, poñendo o contexto histórico perfecto para que a continuación se poña en valor o mel galego garantido co selo da IXP.

Ese día, un número reducido de asistentes, para acollernos ás restricións vixentes actualmente na cidade de Santiago de Compostela, degustará unha pequena selección de receitas elaboradas con Mel de Galicia. A nosa intención é amosar aos participantes as distintas variedades que se poden atopar dentro desta Indicación Xeográfica Protexida, así coma a súa versatilidade.

O menú proposto para esta ocasión, consiste nunha infusión ecolóxica aromatizada con Mel de Galicia acompañada de: 

  • Tosta de Pan de Cea con queixo Cebreiro, Castaña de Galicia e Mel de Galicia.
  • Pulga de Ternera Gallega lacada con Mel de Galicia e rúcula.
  • Charlota de Castaña de Galicia con recheo de bavorois e Mel de Galicia.

Os consellos reguladores que colaboran nesta “Merenda Literaria” son: IXP Pan de Cea, IXP Castaña de Galicia, IXP Ternera Gallega, DOP Cebreiro, IIXX Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, e Craega.

Debido ás novas restricións establecidas pola Xunta de Galicia o pasado venres 8 de xaneiro, esta parte gastronómica do evento farase en forma de “Take Away”, polo que cada un dos asistentes levarase este menú centrado en poñer en valor o mel da IXP,  para degustalo na súa casa unha vez finalizado este evento gastroliterario.

A xornada que terá lugar en A Casa do Taberneiro, centrarase na presentación do libro Fierro de Francisco Narla que será retransmitida en directo a través da rede social Instagram. A xente poderá seguir o evento dende as súas casas a través dun enlace que publicaremos e difundiremos antes do mesmo a través das redes sociais da IXP Mel de Galicia e tamén das de Slow Food Compostela.

"Chamábano Fierro. E era mentira. A verdade era o seu pasado e o pasado, unha condena que prefería esquecer. Non tiña nada, nin sequera futuro. Por iso vivía na fronteira, un pedazo incerto de terra esquecido por todos, un lugar maldito onde mouros e cristiáns sementaban morte ó seu antollo. O seu único consolo eran as colmeas. A ela, perdida naquel amargo pasado, sempre lle gustou o mel. Agora ese pasado cabalga de novo cara a el; coa espada ao cinto, disposto a atormentalo".


SHARE

About Leo

0 comments :

Publicar un comentario